La Voz de Galicia

Xosé Iglesias: «O amor sempre toca, é universal»

Cee

PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ Mariñeiro, poeta, pintor de acuarelas e ata construtor de baleas

GENTES DEL FINIS TERRAE | Mariñeiro, poeta, pintor de acuarelas e ata construtor de baleas. O ceense vén de publicar un novo poemario: «Atlántico Norte, chamádeme Ismael»

05 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Mariñeiro, poeta, acuarelista e mesmo construtor de baleas. Xosé Iglesias (Cee, 1974, veciño da Pastoriza) levou tan alá a súa querenza polos cetáceos que, agora, e coa herdanza de ser modelista naval e maquetista de barcos dende neno, dá vida dende hai ano e medio a baleas de madeira autóctona, non doada de conseguir, por certo. É unha nova afección que traballa porque, como el di, «aquí non hai parada». Así, vén de publicar o poemario Atlántico Norte, chamádeme Ismael (Ed. Caldeirón) e avanza que igual pode haber un Nación Mar II.

—Que nos trae desta volta?

Atlántico Norte é o meu terceiro poemario. O último era do 2016, A relixión do mar, este quizais é máis pensado ou meditado. Rompe a estrutura dos outros dous: aqueles falaban do mar con moitos vocábulos técnicos, pero este é un poemario moi sinxelo. Falo de amor e soidade, o que sentimos mariñeiros, mariños ou navegantes solitarios cando deixamos terra e nos adentramos no mar, quedando pola popa todo o que queremos.

MARCOS MÍGUEZ

—Unha soidade que senten no océano entendible dende terra?

—Si, porque o amor é universal.

—Responde a algo en concreto?

—Atopei unha carta das que lle escribín á miña exmuller cando estaba embarcado no Gran Sol, onde botei catro anos antes de mercar o meu barco, co que levo 18. Iso sería no 2000. Non había Whatsapp a bordo, as chamadas eran carísimas... A mensaxería que tiñamos era pecharte no camarote, coller unha folla en branco e enviar Whatsapps imaxinarios. Chegaban ao seu destinatario en forma de carta, que enviabamos cando pisabamos terra: iamos moitas veces a Irlanda. Decidín trasladar eses sentimentos, que poden ser os de calquera mariñeiro, a este libro, que ademais de ser poemario de amor e soidade, tamén o é de cetáceos. De aí o título. Chamádeme Ismael é unha das grandes frases da literatura universal, en moitos idiomas. Así comeza Moby Dick, a novela de Herman Melville. Falo dalgunha balea perdida no mar, como a 52 hercios, ou outros cetáceos que atopamos navegando...

Eduardo Pérez

Neste 2022 publicaba tamén «Luces da Costa da Morte». Parece que lle corren bos tempos.

Atlántico Norte leva escrito tres anos, en realidade. Tiña a necesidade de sacar para fóra algo que fose só poesía, porque os dous últimos libros, tanto Luces como Nación Mar poden verse máis ben como álbumes ilustrados. Precisaba volver ao Xosé Iglesias poeta e estou orgulloso. Está gustando. O amor sempre toca, e eu aquí narro toda a secuencia da marea, dende que se sae do porto, o xuramento do patrón, o que pasa ao arriar as estachas...

—Hai nostalxia? Ou curación?

—Escribino nunha etapa da miña vida que sentía moitas cousas, logo pasaron outras... Necesitaba escribir iso, apareceu a carta, e aí está.

—Mariñeiro sempre. Como ve o panorama e as últimas novas?

—A Unión Europea á pesca galega sempre a tratou mal, intenta esquilmarnos. Hai que ver como quedaron os portos, pero non ocorre só no mar, senón en todos os sectores produtivos, que son os que fan falla. Viuse coa guerra de Ucraína. Imaxina que non foramos capaces de producir ningún peixe e que as peixeiras tivesen que recorrer a produto de fóra. Encarecería todo. Dende que teño o barco eu só vin patadas, a máis grande incluír as embarcacións de baixura, como a miña, pesca case de supervivencia, dentro dos TAC e cuotas das embarcacións industriais. De aquí a 20 anos os portos estarán sen barcos. Aquí na dársena da Coruña quedan catro, en Oza igual... Quen move os fíos non sabe o que fai. O futuro véxoo escuro, non hai relevo. «Xosé, unha forma de defender o mar é a poesía», dicíame o meu irmán maior Paco Souto. E aí estou, coa poesía, coas acuarelas...

BASILIO BELLO

—E coa fotografía!

—Tamén. O que os mariñeiros temos diante cando navegamos é marabilloso. Golfiños, un tiburón peregrino coma o que vin o outro día, os amenceres, a terra dende o mar, o mar de ardora que si vin estes días, aínda que debilitado... Calquera de nós pode hoxe facer unha foto a un peixe ou unhas gaivota. No mar todo cambia, as cores... Aproveitei as novas tecnoloxías para amosarlle ao mundo o que vemos a bordo.

—Ten dito que o mar de ardora de hoxe non é o de antes.

—Aquel ronsel de 100 metros pola popa que vía de neno xa non o vexo. O cambio climático está aí, e unha das consecuencias é o cambio de PH na acidez dos océanos.

—Dicía que leva 18 anos cun barco. O primeiro que tivo?

—Si, e o último. Hai armadores que cren que progresan por comprar un barco máis grande, pero para min iso, con estas leis, sería retroceder. Estou contento co meu barquiño, o Primero Villar. Somos dous. E non só me permite ser armador, senón tamén mariñeiro, mecánico, médico ás veces, xestor... Traballar é o que me gusta. Xa estiven no Gran Sol catro anos, no puente, sen baixar á cuberta, e estaba deprimido. A min o que me gusta é sentir os peixes, sacalos un a un, os salmonetes, as centolas, os lenguados, as pescadillas, as fanecas... É a miña salsa.

—Nove metros, non?

—Si, exacto, dediqueille un poema.

Presentacións. Con «Atlántico Norte. Chamádame Ismael» xa pasou polo Museo Massó, Cee, o Museo da Pesca de Fisterra ou Mar de Mares, en A Coruña. Vindeira cita: venres 14 de outubro, en O Cornecho, Malpica: 20.00.


Comentar