La Voz de Galicia

O fútbol na comarca de Fisterra

Fisterra

chema rei lema
O Athletic Corcubión en 1924

CRÓNICA HISTÓRICA | O BALÓN E A COSTA | Os forasteiros chegados ao porto de Brens foron imprescindibles no seu fomento

01 Oct 2023. Actualizado a las 13:12 h.

As vilas de Cee e Corcubión posiblemente fosen as primeiras que coñeceron este novo deporte na comarca. Algo máis tardía debeu ser a chegada aos concellos de Muxía e Fisterra, e descoñecemos a súa presenza no de Dumbría. A fábrica de Brens e o porto, coa chegada de forasteiros que practicaban o fútbol, foron imprescindibles no seu fomento.

Club Junquera, «os señoritos»

A burguesía local ceense axiña lle colleu o gusto e así naceu o Club Junquera, o «equipo dos señoritos», como lle deron en chamar. Por testemuños orais, a orixe do club estaría no ano 1921, aínda que non atopamos ningún encontro seu anterior a 1923. Foi no propio 1923 cando o club ceense se rexistrou no Goberno Civil, sendo o primeiro da Costa da Morte en facelo. En 1934, o correspondente de La Voz de Galicia sinalaba a Segundo Correa, futbolista de éxito no Fortuna vigués e traballador da fábrica de Brens, como o creador e o impulsor do fútbol en Cee.

Pero o primeiro partido que atopamos aquí non o xogou o Junquera, senón outros dous equipos ceenses, o Eiriña e o Arenas. Foi en decembro de 1923 e é a única referencia que temos destes clubs, con xogadores no Eiriña como Manuel Trillo, Alfonso Canosa, Manuel Amigo, Jesús Chouza, Juan Carballo e Trasmonte e Enrique Cerviño no Arenas. Nese mesmo mes xa temos o primeiro encontro do Junquera, que foi inaugurando o seu campo de fútbol contra o Ath. Corcubión. Ademais dos corcubioneses, foron rivais do Junquera, nos moitos partidos que xogou, equipos da Coruña e outros da Costa, sobre todo o Porteño e o Bergantiños. Formaron no cadro ceense xogadores como Alvarellos, Vicente, Ventura, Mira, Morán, Alejandro Lastres, Luisito, José Trillo, Guillén, Alfonsito, Evaristo, García, Recamán, Roberto, Rebordelo, Canosa, Brandariz ou o mencionado Correa. En 1928 parece que o club entra en crise e desde as páxinas de La Voz faise un chamamento á indiferente poboación ceense para salvalo, para o cal incluso propoñían unha fusión co equipo de Corcubión.

O caso é que durante a Segunda República non imos ter noticia do Junquera e si doutros clubs, como o efémero Los Once Artilleros, que en 1932 vai xogar un partido a Fisterra, e, sobre todo, o Cee FC, que se inscribe no Goberno Civil en 1933 e, nos seus tres anos de vida, vai ser dos mellores equipos da provincia. Foron moitos os partidos disputados polo Cee FC, sobre todo, contra clubs coruñeses, que pelexaban por viren xogar ao campo de Raíces, lanzando continuos retos na prensa. Por aquí pasaron equipos da Coruña como o Comercio, Herculino, Galicia, Independencia, Derby, Los Krass, Marino, Sin Querer, Everton, Fabril ou Arde o Eixo, ademais de xogar contra equipos de Arteixo (Sp. Meicende, Arteixo FC ou Penouqueira) e costeiros como Fisterra, Carnota, Porteño ou o Pirelli nicrariense. Algúns dos seus xogadores xa o foran do Junquera, pero outros eran novos: Roberto, Centrón I e II, Rincón, Ernesto, Gerucho, Michinel, Nando, Servando, Castro I e II, Faustino, Montero, Barallobre, Correa, Lastres, Panchada, Mariano, Horacio... Coa Guerra Civil o club desapareceu, pero non así o fútbol en Cee, que colleu grande impulso a partir de 1938 coa volta do Junquera e novos clubs como o Once Leones SD, Huracán FC e Invencible, o que motivou que en 1939 se crease unha liga local e que incluso renacese o Cee FC.

Do fútbol en Corcubión destaca a pouca información que temos en comparación ao moito que se debeu practicar alí. Xa vimos como existía un club polo menos desde 1923, o Athletic Corcubión (ás veces denominado Athletic-Deportivo), que xogou co Junquera ou co Bergantiños na inauguración do campo destes en 1925. Precisamente a ausencia de campo de seu era o grave problema co que se encontraban os corcubioneses e nese ano parece que o atoparon a un quilómetro da vila. Con todo, son poucos os partidos que temos deste equipo no que xogaban Lamas, García, González, Abelleira, F. Trillo, Patricio, Celeiro, Abelenda, Varela, Ballesteros ou Juan López. Aínda que parece que a actividade futbolística non se detivo, en 1932 o club local era o Corcubión FC, seguramente xa distinto ao Athletic. Este club vai disputar partidos contra equipos de Carballo, Fisterra ou Cee, e vai ter longo percorrido durante a Guerra civil e na posguerra. Tamén se fundarían outros clubs na vila como o Galicia Sport Club, que se inscribe no Goberno Civil en xullo de 1935, e xa durante a guerra nace o Rápido, que xunto co Corcubión, van ter unha época gloriosa.

O fútbol no concello de Fisterra é un misterio ata 1932, pois antes desta data nada se sabe, e a bo seguro que houbo partidos alí, como así o manifesta a memoria oral recollida en diversos artigos por Gabriel Riveiro. Con todo, vai ser neste ano cando o Finisterre FC se inscriba no Goberno Civil e nestes anos disputará varios partidos contra clubs dos veciños concellos de Cee, Corcubión e Muxía. Do fútbol na vila da Barca si que temos máis información, grazas, sobre todo, ás crónicas e fotografías que Ramón Caamaño enviaba á prensa coruñesa e mesmo arxentina. Xa atopamos partidos en 1924 e a comezos de 1927.

Club Buserán e A Camposa

As forzas vivas da vila fundan o Club Buserán, o que levaría, ademais, á construción dun campo nunha leira denominada A Camposa. Este equipo debeu competir uns catro ou cinco anos, fundamentalmente contra equipos da Ponte do Porto, Vimianzo e doutras parroquias do concello muxián. Xa na Segunda República aparece o Muxía FC, xogando no campo da Arliña contra equipos de Corcubión, Cee ou Fisterra. Foron xogadores muxiáns, ademais do fotógrafo Caamaño —que exercía de porteiro—, Ramón Mejuto, Pío García, Gonzalo Balboa, Camilo García Muíño, J. García López, L. Conde, Álvaro Leis, Diz, Elías, Sar, Lema, Puertas, Quilino, Rey, Teselán, Macario, Evaristo, Anxica, Alfonso, Vitorino, Felipe... Na propia vila habería outros dous equipos, seguramente, ambos de xuvenís: o Caforro, do que temos apenas dous partidos disputados en 1927, e o España, creado en 1930.

Parroquias

O fútbol tamén chegou a outras parroquias do concello muxián, coma a de Moraime, onde estaba o Molinos FC, no lugar dos Muíños, que entre 1927 e 1930 xoga distintos partidos contra rivais do concello, algúns deles no seu campo de Río Negro. Pola prensa coñecemos algúns dos seus xogadores: Perfecto, Moreira, García, Insua, Luisito ou Josesito. Na parroquia de Ozón atopamos en 1927 o Quintáns, do que sabemos que xogou dous encontros contra o Buserán. En 1930, no lugar de Merexo, fúndase o Marino, que tiña xogadores como Barrientos, Jobarca, Domínguez, Lema, Ismael, Siaba, Paradita, Manolito, Correa, Blanco ou o mestre Daniel Nogueira. Xa en 1932, e grazas ao entusiasmo de Daniel Romero Busto, fúndase na parroquia de Moraime o club Xurarantes.


Comentar