La Voz de Galicia

O carillón itinerante máis grande do mundo estará hoxe en Tui

Tui

Carmen Novo
O carrillón componse por mais de sesenta campás e un teclado que pon en marcha o mecanismo.

Con mais de sete toneladas e 63 campás, o espectáculo conta cun repertorio musical amplo

24 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Escóitanse os primeiros acordes de O fantasma da ópera. Con esta canción, Ana Elias abre o seu espectáculo de carillón itinerante. Aínda que existen vinte de este tipo no mundo, o seu é o mais grande de todos. De aparencia, un rectángulo negro composto por unha estrutura que sirve de soporte. Dentro e á vista, 63 campás de diferentes tamaños que suman un total de sete toneladas de bronce. Ela, desde o seu asento, é a encargada de crear os sons con toda esa infraestrutura.

A súa paixón polo instrumento ven de moitos anos atrás. «Cando estudaba inscribinme nun curso libre de carillón», explica esta artista portuguesa. Contra todo prognóstico, gustoulle, e, a partir dese momento, nunca deixou de experimentar co instrumento facendo todo tipo de música. O descubrimento levouna a estudar durante sete anos en Bélxica, na Real Escoela de Carrillão en Mechelen, onde obtivo o seu título oficial de carillonera.

Porén, o inicio do seu proxecto veu da man dun certame. Xunto a súa irmá, Sara Elias, presentou a idea dun carillón itinerante a un concurso de innovación. «Gañamos, e iso foi o que nos permitiu desenvolvelo», relata Ana.

A partir de materializalo, a artista coñeceu o mundo coa súa creación. Á marxe de concertos realizados no seu país, Portugal, percorreu unha boa parte de Europa, Estados Unidos, Nova Zelanda e Australia. Hoxe tocará por primeira vez en Tui (Paseo da Corredoira, 18.00 horas, entrada libre) no marco do festival IkfemO evento que acolle un cartel moi ecléctico xira en torno ao teclado, o que ela emprega para accionar os martelos que fan soar as campás.

Un dos obxectivos que pretende acadar Elias co seu espectáculo é o de romper fronteiras musicais. «O carillón é un instrumento tradicionalmente ligado a músicas relixiosas, pero eu quero demostrar que nel tamén se poden tocar cancións populares», explica. Por iso, o seu repertorio vai desde temas de Michael Jackson ata o Para Elisa de Beethoven. Para pechar, sempre acude a música portuguesa, como a canción Amar pelos dois de Salvador Sobral.

O motivo desta escolla non é outro que a reacción do público, algo que sempre ten moi presente. Nun principio, a idea era tocar unicamente música feita para o carillón, pero pronto viu «que a xente gozaba mais co outro». «Gústame falar co público, e doume conta cando bailan, cantan e o pasan ben». Por iso, tamén prepara o repertorio con cancións «que todo o mundo coñeza». A reacción, segundo ela, sempre é mellor.

 

Conexión co público

En Tui, como novidade, interpretará uns cantos temas da banda sonora da serie La casa de papel. Sintonías facilmente recoñecibles por todo o mundo. Para fomentar esta interacción co público, tamén coida a forma de organizar e distribuír o espazo. Coloca as cadeiras o mais próximas posibles, tendo en conta que, desde moi preto, o espectáculo non se podería contemplar na súa totalidade. «O ideal é separalas uns cantos metros para poder ver e escoitar ben», indica.

A parte, entre cancións, aproveita para contar historias curiosas relacionadas co tema. Por exemplo, que Leonard Cohen tivo dificultades para rematar o Hallelujah, unhas das cancións que interpreta, ou que o primeiro título do sinxelo Yesterday dos Beatles era Scrambled Eggs (ovos revoltos). Cando remata, deixa que os asistentes toquen o instrumento para que poidan crear os seus propios sons.


Comentar