Obdulia Dopico: «É unha novela que quere ser un guiño á xente do Val do Landro»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Finalista dos Relatos de Verán de La Voz, presentá mañá en Landrove "A pena das calandras"

16 ene 2015 . Actualizado a las 14:00 h.

A Pena das Calandras é a última novela da escritora Obdulia Dopico (Viveiro, 1951) residente en Ortigueira desde hai 40 anos, onde imparte clase no colexio José María Lage. Autora de varios libros agora Dopico volve a mirada ás paisaxes da súa infancia para tecer un relato detectivesco, con tres asasinatos, e o Val do Landro e o pétreo Monte Castelo como escenarios da trama. «É unha novela que quere ser unha chiscadela á xente do Val do Landro». Moitos poderán recoñecerse nos personaxes,e a autora espera «que lles guste como vos retratei, con toda admiración e cariños». O libro, que o pasado verán quedou finalista no XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, preséntase mañá, ás 19 horas, no centro social, a antiga escola de nenos, nun acto organizado pola asociación Pequenos Pasos, de Landrove.

-A pena das Calandras, un título moi suxestivo e un lugar moi real. ¿Por que dá nome ao libro?

-A «Pena das Calandras» é unha novela que quere ser un guiño á xente do Val do Landro, (Viveiro), onde se desenvolve toda a trama, tres asasinatos que se van aclarando por obra e graza dunha garda civil moi intelixente e as súas amigas, unha mulata portentosa, unha negra que bota as cartas, Loliña do Laranxo e Lupa Expósito. No monte Castelo a maioría das penas teñen nome, e hai unha que se chama «das Calandras», uns paxaros que voan moi alto, pero que hai tempo desapareceron (Son parecidos as labercas). Elexino por sonoro e para que volvan cantar os paxaros algún día...

-Unha trama detectivesca e o spersonajes, ¿canto hai de real e ficticio na novela?

-Os lugares son reais, a trama discurre por toda a miña xeografía da nenez. Os personaxes a pesar deser ficticios están inspirados en xente que coñecín. Os lugares onde unha viviu de pequena, as xentes, as tradicións e as paisaxes nunca se esquecen, o río Landro e o Monte Castelo perduran na memoria e forman parte das miñas vivencias, como as viaxes a Lugo que duraban máis de tres horas, Naseiro, ou a Semana Santa de Galdo, a onde íamos ano tras ano, acontecementos que marcaron un tempo de vida moi distinto ao de hoxendía, por iso máis que unha novela de investigación de crimes, resulta ser un relato que nos retrae aos anos cincuenta e sesenta do século pasado, con personaxes inconfundibles: a mestra, o crego, o sancristán, o tratante de gando, a Garda Civil, e todas as persoas que conformaban a vida dunha aldea galega.

-¿Foi difícil elixir un escenario real?

-Foi facilísimo, ademais quería situar a Landrove, e por extensión a todo o Val do Landro, no xardín das Letras Galegas.

-¿Vanse recoñecer algúns dos personaxes?

-Espero que si, e que lles guste como os retratei, con toda admiración e cariño.

-¿E levoulle moito tempo darlle forma?

-O libro escribino a capítulo por día, e resultou gracioso, xa que ían dous asasinatos e aínda non sabía quen podía ser o asasino? pensei deixalo, pero logo, ca terceira morte, estaba claro, foi como resolver un problema matemático e que encima dera ben a proba. Outra traba que xurdiu foi cando xa estaba totalmente rematado, e ía facer as fotocopias para envialo ao concurso, Relatos de Verán da Voz de Galicia, relino por trinta vez e a «inspectora» Tona Andújar decatouse de que nos anos nos que sucedía o asunto, na época de Franco, non había mulleres garda civil, e tiven que darlle unha volta completa e temporalizalo de novo. Tales contratempos non foron un obstáculo, senón que me animaron a buscar o xeito de arranxalo. Paseino xenial escribindo. Rematei a novela o mesmo día que enterraban a García Márquez e entón quixen darlle un tirón de orellas á morte que sempre nos ronda e finalizar co nacemento dunha preciosa nena, María, que andando o tempo había de ser escritora. Foi un honor chegar a finalista con dúas escritoras tan interesantes como, María López Sández e María Reimóndez, que resultou gañadora, tres mulleres, tres «Marías» da provincia de Lugo.

obdulia dopico cachán autora do libro «a pena das calandras»