Son dous vellos coñecidos da escea musical ribadense con novo proxecto en común
03 feb 2017 . Actualizado a las 11:10 h.Cherry é Miguel Ángel Fernández (Ribadeo, 1980). Aínda que o seu alcume significa cereixa en inglés, nada ten que ver no seu caso co mundo das froitas senón co que a el lle gusta facer, a música. O alcume puxéronllo na Xira de Santa Cruz de tanto escoitar unha cinta para aprender a tocar a guitarra, instrumento que, xunto co banjo, toca en Prisco?Cherry, a formación que creou xunto co seu medio veciño Prisco, que tamén lle dá á mandolina e ao dobro, non moi vistos enriba dos escenarios.
-Fronte a outros grupos dos que formou ou forma parte, que quere facer en Prisco?Cherry?
-Xuntámonos para temas acústicos e tocar instrumentos que non se ven tanto. Tamén temos temas propios que estamos gravando en plan caseiro. No equipo da casa facemos as bases da música de cara a gravala en estudo.
A música que facemos leva ao rock sureño. Metémonos con temas de John Mayer, Eric Clapton, Allman Brothers... Agora tamén dos Beatles...
-Como coñeceu a Prisco?
-Prisco e máis eu coñecémonos de toda a vida. Amigos meus ían a clase de guitarra con el.
-Prisco?Cherry é o seu proxecto acústico. Que me pode dicir de salas para gozar de directos así?
-Case non queda ningún local en Ribadeo para tocar en directo. Agora queda tipo cafetería ou bar que se presta para o acústico, ao non facer tanto ruído, é máis accesible, consegues máis bolos...
Ademais, o noso estilo musical ten un rango de idade moi grande. Hai xente que o rock duro non o soporta ben nun local. O 100 Fuegos é onde imos tocar. Logo tamén está o Amodiño Bar, que ofrece a veces concertos. Calquer espazo valería. Pero realmente os locais en directo desapareceron, eran o Minibar e O Recuncho. Quedamos un pouco orfos en locais para tocar en acústico. Hai que levar os temas ben preparados, sobre todo en acústico porque todos os fallos se oen. Hai que arriscarse moito. Eu levántome ás seis da mañá para ir traballar e polas noites ensaio. En cambio, Prisco acaba ás once de traballar.
-Para o nome non pensaron en nada complexo, máis ben sinxelo.
-Aquí en Ribadeo coñécennos todo o mundo. Se ven o nome dun grupo raro, ao mellor a xente non vai tanto.
-Así que hai disco en mente...
-Os temas están gravados. Despois é so ir a un estudo. Cinco ou seis temas son orixinais. A nosa meta é tocar temas nosos. Nos grupos nos que estou sempre intento compoñer eu. Hoxe en día non hai máis que grupos de versións. Creo que se está perdendo que os grupos fagan temas propios. É unha pena. Pero a veces, como a xente quere encher locais, bota man de tributos. Incluso en grandes festivais hainos que xa teñen parte dedicada a tributos. É un reclamo máis, xa o sei, pero creo que a música ten que sosterse por xente que compón e non andar tirando do pasado.
-Estivo en Beetle Judge, Zora Gabbara e Sempre se Fixo, continúa en Remakers e está en Prisco?Cherry. Como fai para atender a tanto grupo musical?
-Beetle Judge tivo un parón bastante importante. Sempre se Fixo fai concertos só no verán. E Zora Gabbara quedou aparcado tamén. Cos que máis vou agora é Remakers e Prisco?Cherry.
-Prisco é profesor de guitarra. Ve canteira na Escola de Música de Ribadeo onde el dá clase?
-Ten moitos alumnos. A Escola de Música sempre foi unha canteira importante. Creo que sempre é bo ter as dúas bases, a de oído e a académica. En Ribadeo, o ano pasado dedicaron un festival ao rock, con pícaros de 3 e 4 anos. O futuro é positivo. En percusión fanse cousas guapas.