Unha noite, cando me fun para a cama e caín nos brazos de Morfeo, o duende Chinchaollo apareceu nos meus soños e fíxome vivir cousas inéditas…
Soñei que no “Concurso de ideas” para arranxar o tema da néboa na A-8, a idea gañadora fora convocar á Deusa da Néboa (no meu soño chamábase Fiouca) e o tema quedou solucionado en menos do que canta un galo. Mágoa que non a contratasen para facer o proxecto da autovía, porque outro galo cantaría.
Soñei que vivía nunha cidade: Mondoñedo; pero aínda que as edificacións eran as mesmas, había moitos máis edificios, os do centro estaban restaurados e convertidos en vivendas sociais, había parques cheos de pícaros. Chinchaollo díxome que éramos doce mil habitantes e que éramos unha cidade próspera, con traballo e a diario parecían os días de San Lucas, porque as rúas estaban ateigadas de xente.
Soñei que Amazon elexía Mondoñedo para situarse no Norleste e montaba a súa sede na nosa cidade…e con ela, todas as firmas de mensaxería estaban instaladas no noso polígono e non quedaba por ocupar nin un centímetro cadrado.
Soñei que non exportábamos talento porque neste País había traballo para os nosos mozos.
Soñei que a Constitución se cumpría ao pé da letra e todas as persoas éramos iguais, sin distinción de raza, sexo, orientación sexual ou ideas políticas.
Soñei que os corruptos entraban no cárcere, despois de devolver o roubado.
Soñei que Isabel de Castro burlaba á Garda na Ponte do Pasatempo e que chegaba xusto no instante antes de que lle cortaran a cabeza ao seu marido: o Mariscal Pedro Pardo de Cela.
Soñei que a Princesa Xila, filla do noso Rei Cintolo se liberaba do dragón que a custodiaba e aparecía na súa cova un home chegado das Terras de Compostela para darlle un doce bico que acabara de romper o encantamento.
Soñei que éramos…LIBRES.
O peor foi o espertar e darme conta, coma na canción de Xocaloma, de que todo fora un soño.
Aínda que na miña almofada apareceron unhas plumas azuis.