Moncho de Cosme

Suso Fernández CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oxornal de onte informaba do pasamento de don Ramón Marful Rodríguez, focego de Marzán, crego que ó longo da vida rexiu diversas parroquias e nunha delas, a veciña Burela permanecera preto de vinte anos, onde se fixo moi respectado e querido polas xentes da industriosa vila, dadas as dotes humanas que dende a mais temperá idade o adornaban. A súa bonomía; a humildade, o talante dialogante con todos, sen tipo algún de discriminación; o humor retranqueiro, que sempre o acompañaba; a súa honestidade e altruismo facían del persoeiro singular, sempre identificado coa problemática: as venturas e desventuras dos pobos nos que exercía a labor de apostolado; coas súas necesidades ou aspiracións, xa fosen de orde laboral, socioeconómicas, culturais-deportivas e, en xeral, en canto puidera incidir nunha mellora para a vida da veciñanza.

A triste nova circulou por Foz como regueiro informativo; para algúns vellos do lugar, máis desinformados, houbo que aclarar a personalidade de quen se trataba, coa nominación entrañable dos pobos: “Falamos de Moncho de Cosme…”. Aclarado!

O cronista, un día máis vello ca el, mantivo ó longo da vida unha entrañable amizade e non sabe por canto tempo vai botar de menos a grande aperta que nos dábamos cada vez que se producía o encontro.Estamos seguros de que o “Monchiño de Cosme”, da nosa tan afastada nenez compartida, xa nos olla dende o ceo. Vaia para a súa familia, todos benqueridos amigos, unha vez máis, a expresión da nosa dor.