«Esta etapa no ensino foi intensa e marabillosa, con rosas e espiños»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O docente Antón Niñe pecha unha porta e abre unha ventá, como di, tras tantos cursos no IES Perdouro de Burela

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Niñe Fernández está pechando unha etapa «intensa e marabillosa» da súa vida como profesor de Relixión Católica no IES Perdouro de Burela, deixando atrás anos unha profesión que lle fixo descubrir aos máis novos e unirse a eles por amizade.

-Xa planeando en que invertir o tempo da xubilación?

-Que facer sempre teño. A verdade é que teño moitas cousas atrasadas e pendentes de acabar. Agora estou ordenando o meu arquivo, pero pouco a pouco... sen poñerme metas, sen agobios.

-Atrás queda a rutina de ir ao IES.

-Estou máis relaxado e máis tranquilo, sen a tensión de se levas ben preparados os temas.

-Pero seguro xa está a botar de menos aos rapaces... Que foi o que máis aprendeu deles?

-Home claro! Que botas de menos o ambiente escolar está fora de toda dúbida. Os rapaces sempre te están obrigando a renovarte. Aprendín moitisimas cousas con eles, pero a fidelidade da amizade é algo que me chamou moito a atención. Os rapaces teñen uns valores extraordinarios, só hai que axudarlles a que saian a flote. O que máis aprendín foron a fidelidade e as mostras de cariño que se teñen entre eles. Eu procurei axudar a que se formaran como persoas e abertas ao mundo. Pero hai uha cousa clara, todos fomos adolescentes e sabemos que na adolescencia nos ferve o sangue, queremos facer as cousas inmediatamente. Hai que facerlles ver que hai cousas que levan o seu tempo, e hai que madurar e sopesar as cousas. Moitos rapaces teñen uns valores humanos moi grandes pero hai que moldealos e axudarlles a entender que outras persoas teñen outras iniciativas, outras persoas non pensan igual que nós, que estamos nunha sociedade plural.

-Canto tempo estivo no IES?

-Entrei en setembro de 1992 no instituto. Hai 25 anos. Estou xubilado por un problema de saúde. É outra etapa máis na vida. Non é algo que eu quixera.

-E anteriormente ao instituto?

-Estivera traballando nunha empresa privada durante 9 anos en As Pontes relacionada coa construcción, Cuíña S.A. Despois, sempre estiven moi vencellado ás actividades extraescolares do colexio Martínez Otero de Foz onde eu estudei eu e coas da Parroquia de Santiago de Foz. Estudei Teoloxía e ofreceuseme a posibilidade de dar clases. Entrei no IES Perdouro, para sustituir a Don Benjamín. Sempre din a asignatura de Relixión Católica.

-Como definiría esa asignatura, véndoa dende a actualmente?

-Moi particular, peculiar e complicada nos tempos de hoxe. Pero é unha asignatura máis que, ao contario do que adoita pensar a xente, está interrelacionada coa maioría, por non decir con todas, das asignaturas, a filosofía, a historia, a xeografía, a literatura... ata matemáticas diría. É un saco con moita profundidade.

-Algunha vez lle fixeron algunha pregunta difícil en clase?

-Se houbo algunha pregunta, non en plan filosófico ou teolóxico, foi alguha relacionada con algún tema concreto ou dato referido a un personaxe. Como non teño a Biblia nin a Historia da Igrexa na cabeza, dicíalles que o ía a consultar e respostarlles ao día seguinte. Agora, en canto a preguntas complicadas sobre o aborto, a homosexualidade, Deus... tiñamos unha apertura tremenda. Sempre tratei as cousas con sinxeleza e con naturalidade. Nunca eludín os temas complicados da Historia da Relixión. Está aí. Eu sabía que nalgunhas cousas podiamos non estar de acordo, pero entre eles tampouco o están entre si. Sempre tiven claro non tratar de impor as ideas, simplemente expor para que os rapaces sexan críticos e abertos e saiban discernir. A opción da relixión cristiana é simplemente unha opción máis da vida.

-Tamén coa asociación cultural Os Matos tivo moito que ver.

-Propuxeramos crear Os Matos un grupo de profesores. Dende o primeiro momento exercín a presidencia, cousa que aínda manteño hoxe. Para febreiro de 2018 cumprimos 24 anos. Pedín en reiteradas ocasions que houbese un relevo na presidencia pero nunca se decidiron. Xa lles dixen que para febreiro deixaba o tema; penso que chegou a hora. Da asociación cultural temos ferro e fariña, o que queiras... a revista Maruxaía, o libro da historia do instituto, traballos monográficos e de investigación da Mariña, tivemos o cine clube Os Matos, fixemos o Encontro Multilateral Europeo en marzo do 2004 con 60 rapaces e Belxica, Itaia e Alemania convivindo cos nosos de Burela, etcétera.

-Se poidese resumir nunha palabra esta etapa laboral?

-Creo que foi unha etapa intensa e marabillosa, coas luces e coas sombras, coas espiñas e coas rosas. Houbo momentos difíciles e duros cando nos morría algún que era ou fora alumno dun accidente de tráfico ou do mar ou compañeiros por enfermidade... pero quédome co sorriso dos rapaces cando acababa o curso, as súas mostras de cariño e de agradecemento e tamén as dos compañeiros e as das familias, porque cando te ven pola rúa e te saúdan e che preguntan que tal che vai ou che contan que foi do seu rapaz é mostra de que hai algo especial entre nós.

-Fixéronlle algún regalo con motivo da xubilación?

-Sei que están preparando algo. A xubilación oficial é o día 15. Para min agora péchase unha porta pero ábrese unha ventá...