«Máis do 60% da poboación da Mariña perdeu a asistencia a domicilio de Paliativos»
A MARIÑA
Fronte ás críticas da Plataforma Sanitaria, o Sergas di que o servizo non se reduciu
28 dic 2021 . Actualizado a las 22:56 h.«Máis do 60% da poboación da Mariña perdeu a asistencia presencial -a domicilio- de Paliativos/Hado», segundo denuncia a Plataforma Sanitaria.
Fanse eco a máis da situación dun paciente deste servizo: «Un paciente fai denuncia pública a través da Plataforma Sanitaria da Mariña pola desaparición, na maior parte dos concellos da Mariña, da atención presencial que ata hai algo máis de seis meses viña dando o servizo de Paliativos/HADO, dependente do Hospital da Mariña».
«O paciente padece unha aplasia medular desde hai anos, que é seguida polo servizo de Hematoloxía, máis ante o franco empeoramento da mesma é derivado ao servizo de Coidados Paliativos hai algo máis dun mes. Malia que gran parte da actividade destes servizos desenvólvese nos domicilios dos pacientes, desde hai máis de seis meses e debido á falta de cobertura dos profesionais do servizo, a xerencia determinou que so tres ou catro concellos foran receptores do mesmo», sinalan.
Eloxios ós traballadores
«Desde o primeiro momento, tanto o paciente como a súa familia, quixeron deixar constancia do trato exquisito que lle brindaron os traballadores do servizo, e saben da carga de traballo que teñen, ás veces doble ou triple da que lle corresponde, máis iso non xustifica que aos pacientes se lles negue a asistencia que deberían ter nos seus fogares, cargándolle ese traballo ao seu centro de saúde, abondo saturados tamén», expoñen.
«A esposa e coidadora principal do paciente explica que toda a atención que recibiu foi telefónica», din.
Pola súa banda, fontes do Sergas manifestaron que o servicio de Paliativos en A Mariña non se reduciu.