O viveirense Javier Fajardo dirixirá o Coro da Sinfónica de Galicia este venres en Viveiro
A MARIÑA
Medio cento de cantantes e o organista da Catedral de Santiago, Adrián Regueiro, participarán no concerto que ofrecerá a formación na igrexa de San Francisco dentro do programa de difusión cultural Adral
22 mar 2023 . Actualizado a las 17:53 h.O programa de difusión cultural Adral, previo á Semana Santa de Viveiro e impulsado pola Xunta de Cofradías, terá este venres, 24 de marzo, unha cita moi esperada, posto que un dos músicos viveirenses con máis proxección, Javier Fajardo Pérez-Sindín, dirixirá o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia nun concerto que dará comezo ás 20.30 horas na igrexa de San Francisco. «O coro da Sinfónica de Galicia ten na súa plantilla ó redor de cen cantantes. Como case sempre canta no Palacio da Ópera da Coruña, nunca ten problemas de espazo, pero cando se ten que trasladar a outro espazo que non é o habitual de concertos hai que reducir a plantilla. E, en Galicia, nas igrexas hai certas limitacións de espazo pola súa arquitectura xa que son case todas románicas, polo que temos que adaptar a plantilla do coro para cantar con certa folgura. Virán ó redor de 50 cantantes», explica o Fajardo, quen está á fronte do prestixioso coro desde o pasado verán.
En Viveiro interpretarán tres pezas relixiosas sen relación entre elas. Abrirá o concerto o Miserere, mei Deus, un canto propio da Coresma do compositor italiano Carlo Gesualdo. A seguinte será unha colección de tres himnos do compositor Henry Purcell, escritos para o funeral da raíña María II de Inglaterra, que morreu no 1694. E na segunda parte cantarán unha peza que levaron na xira que o pasado mes de decembro desenvolveron por toda Galicia con bastante éxito. «Trátase dunha peza do compositor lugués Xoán Montes, o autor de Negra sombra, que non se programa moito. No 1897 compuxo unha misa dedicada ó Apóstolo para un concurso de composicións na Catedral de Santiago. E esa peza ímola cantar xunto co organista da Catedral de Santiago, Adrián Regueiro, que virá para o concerto», detalla Fajardo, quen engade que, como o órgano da igrexa de San Francisco non reúne «as características necesarias» para este repertorio, «traerase un órgano con tres teclados que xa só merece a pena pasar por alí para velo».
O Coro da Orquestra Sinfónica ofrecerá o mesmo concerto este sábado na igrexa de Santiago de Betanzos.