Foi entregada polo mariñeiro e armador focense Antonio Rey Otero
03 ago 2024 . Actualizado a las 09:21 h.O Museo do Mar de San Cibrao incorporou unha espiña dun bonito de gran tamaño doada polo mariñeiro e armador Antonio Rey Otero. A mostra «Mariñas, marosas e maruxainas», con retratos de 16 mulleres da comarca, pasa a formar parte da exposición permanente do museo cervense, que reforza a visibilidade das mulleres na súa museografía.
O Museo do Mar de San Cibrao incorporou á súa exposición permanente unha espiña dun bonito de 48 quilogramos doada por “Ton”, histórico mariñeiro e armador de Foz.
A espiña, procedente dun exemplar de gran tamaño capturado entre as costas de San Cibrao e Burela, pode verse na Sala 3 do museo, xunto a restos doutras especies mariñas e obxectos relacionados coas artes e aparellos de pesca.
A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a xenerosidade de Antonio Rey Otero, sinalando que «é un orgullo que unha persoa que viviu e coñece o mar e os seus oficios como poucas decida legar esta peza ao Museo do Mar», e recordou o «estreito vínculo do Museo coa comunidade xa que os seus fondos proceden na súa maioría das persoas que cederon pezas, fotografías e a súa memoria persoal ao Museo».
Ademais desta peza, o Museo do Mar estreou unha museografía dirixida a reforzar a visibilidade das mulleres na historia do propio museo e da vida do mar coa incorporación á exposición permanente da mostra «Mariñas, Marosas e Maruxainas», unha serie formada por 16 retratos e outros tantos textos de traballadoras do mar e da terra -unha por cada concello da Mariña- e creada polo 50 aniversario do Museo como homenaxe ás mulleres que coas súas mans construíron o pasado, presente e futuro da comarca.
En liña co propósito de incorporar ao museo a memoria das mulleres, o Museo do Mar fai un chamamento para recuperar a memoria das nenas que asistiron á escola que hoxe alberga o museo e das mestras que exerceron nela. Todas aquelas persoas que poidan ter información ao respecto (memoria oral, documentos, fotografías, etc.) poden compartila achegándose ao Museo ou enviándoas ao correo museodomar@museolugo.org.