A Mariña é aínda un refuxio do galego, pero cada vez menos

A MARIÑA

Correlingua 2022, en Viveiro
Correlingua 2022, en Viveiro XAIME RAMALLAL

A porcentaxe de galegofalantes baixou na costa lucense un 13 % 

13 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun contexto xeral de retroceso do galego como lingua de comunicación habitual en Galicia, A Mariña resiste como bastión do idioma propio no conxunto da comunidade, pero cada vez o é menos. Esa é a conclusión que pode quitarse dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), relativos ao 2023.

En toda Galicia, a porcentaxe de galegofalantes —persoas que falan sempre neste idioma ou alomenos con maior frecuencia que usan o castelán— sitúase por primeira vez desde que hai rexistros por debaixo do 50 por cento (46,23 %). Nos 15 municipios da costa lucense, son 69 de cada cen as persoas que teñen o galego como primeira lingua.

O dato pode parecer alentador e de feito só hai seis comarcas —A Coruña suroriental, A Costa da Morte, Barbanza, Lugo oriental, Ourense sur e a Pontevedra nororiental— cunha porcentaxe de galegofalantes máis alta, pero de botar a vista atrás compróbase que hai quince anos o galego era a primeira lingua para case o 83 % dos mariñaos. Así, o retroceso foi de trece puntos en tres lustros, ao igual que o incremento dos castelanfalantes.

O informe do IGE tamén permite comprobar como mingua o coñecemento do galego na Mariña. No 2008 só había un 5,51 % dos mariñaos que afirmaba non saber falar neste idioma. Quince anos máis tarde, 15 de cada cen xa non teñen competencias para expresarse oralmente na lingua.

Segundo a enquisa, nesta apartado a situación emperou de forma significativa en só cinco anos, aumentando en seis puntos a proporción de persoas residentes na comarca mariñá incapaces de falar galego.

No tocante ao grao de entendemento do galego falado, o 5,42 por cento dos veciños da Mariña afirman entender pouco ou nada de galego, cando no 2008 eran algo máis do 3 %. Si baixa o peso —do 13,54 % no pasado ano ao 16,36 % do 2013— dos mariñaos que non entenden o galego escrito.

Con respecto aos mariñaos que usan o galego como lingua habitual de escritura, atópanse por debaixo do 30 %.

É certo que A Mariña é cada vez máis unha zona receptora de migración, o que pode ter unha pequena incidencia nos datos —a nivel galego, tres de cada catro estranxeiros instalados en Galicia falan preferentemente en castelán—, pero as cifras transmiten un claro repregue do galego.

As estatísticas do IGE ofrecidas por áreas non son tan exhaustivas como para ir máis alá e desglosar os datos a nivel municipal, nin tampouco segmentar por idades, para comprobar —por exemplo— o grao de utilización do galego nas novas xeracións da Mariña, o que podería dar unha chave da evolución na porcentaxe de galegofalantes.