Foz elixe hoxe á raíña ou ao rei do seu Entroido, unha festa que é sentimento

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Candidatos a raíña e rei da edición pasada
Candidatos a raíña e rei da edición pasada Pepa Losada

Tres candidatos aspiran a reinar no 2025 nesta celebración de interese turístico. A recadación da celebración desta noite será para os damnificados pola dana

09 nov 2024 . Actualizado a las 11:04 h.

A Sala Bahía de Foz, lugar de referencia para as grandes citas do Entroido local, acolle este sábado 9 de novembro a gala na que se elixirá á raíña ou ao rei do Carnaval 2025. Esta celebración, declarada en marzo de 2023 festa de interese turístico galego, é unha das citas festivas máis relevantes do ano, xa que ademais da ampla programación de actos inclúe un dos desfiles máis multitudinarios de Galicia. Na última edición foron arredor de 2.000 os participantes.

Para os focenses, o Entroido é máis que unha festa. É un sentimento, sinónimo de arraigo, imaxinación, cor, emoción... veciñanza. No Concello conservánse fotos e documentos —de 1910— que certifican a antigüidade da celebración, cun reinado do Carnaval que cumpre 43 anos. Esta noite elixirase á futura raíña ou rei desta celebración para os actos do 2025. Á convocatoria feita polo Concello concorreron en tempo e forma tres candidatos: Coral Rey Oliveros, Ainhoa Rey Vizoso e Derek Pérez González.

A pesar da súa xuventude, os tres son grandes carnavaleiros, viven a festa desde ben pequenos como ben exporán na gala desta noite. O público escoitará os motivos que os levaron a presentarse. Antes da media noite coñecerase a persoa elixida, que será a que releve no cargo a Carlota Fernández del Riego, raíña do Entroido focense 2024.

A gala comezará ás 20 horas, se ben as portas da sala xa se abrirán ás 19.30. Será conducida e amenizada polo mago Rafa, que realizará unha actuación tamén para os presentes. Do mesmo xeito, poderanse degustar as preparacións de The Machete Xperience e a animación musical correrá a cargo do dj Alejandro Martínez. Desde a organización animan a todos os asistentes a asistir disfrazados.

Momento do gran desfile do Carnaval 2024, no porto e coas gradas cheas de público
Momento do gran desfile do Carnaval 2024, no porto e coas gradas cheas de público PEPA LOSADA

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, lembrou que a gala da edición pasada «estivo marcada polos incendios ocurridos na Mariña e nas parroquias focenses de San Acisclo e Santa Cilla. Este ano, por desgraza, a dana en Valencia déixanos un regusto amargo nesta celebración, por iso a entrada —5 euros coa papeleta do voto— será integramente doada aos damnificados por esta catástrofe. Ademais, todo aquel que queira aportar un importe extra do da entrada será recollido e depositado nas contas oficiais habilitadas para axudar a aquela zona (Generalitat Valenciana, Banco de Alimentos de Valencia ou Mancomunidade Intermunicipal L'Horta Sud)».

Nese senso, o concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira, manifestou en días pasados que «actualmente a loxística de envíos para a zona é difícil, polo que o envío de medios económicos para subministro en zonas máis próximas é moito máis eficiente».

Inés López recorda que «a elección é o primeiro evento do Entroido de Foz. Realízase entre os meses de outubro e novembro, para deixar un tempo suficiente de traballo ás costureiras que van guíar á elixida ou ó elexido para conseguir o traxe dos seus soños». A edila explica que «este ano as bases da elección primaron o arraigo co Entroido focense. Este arraigo baséase nun sentimento de pertenza a unha tradición que leva xeracións sendo unha das datas máis importantes no calendario dun focego. O Entroido non é so unha festa ou un momento de risas, é un sentimento para todos aqueles que dende pequenos o viviron nas casas, que se volven un almacén de telas, máquina de coser, pistolas de silicona quente, brilantes e plumas que dan forma ás imaxes que o imaxinario dos grupos son capaces de plasmar en traxes e carrozas».

O plan

«O escarnio e a sátira tamén teñen sempre un lugar no Entroido focense polo que este ano se incide na realización do plan. Para aquel que non sexa de Foz, o plan é unha representación que se fai o Luns de Entroido ou Luns do Baile do Farolillo e que pode ser dun suceso que ocurrira no pobo, do teu veciño do portal do lado, do político de turno (nacional ou local)..., pero sempre dende unha perspectiva de humor e nunca faltando ao respecto. Cremos que é importantísimo que non se perda iso, que é esencia mesma do Entroido de Foz (...) Ser raíña ou rei do Entroido focense é un cargo no que se representa a un pobo e o seu traballo diario. Hai que ter templanza, traballar duro durante os meses anteriores e acudir a moitos eventos nos días nos que se celebra o Entroido. Eses días eres a imaxe dun pobo e os teus actos represéntannos a todos», incide a edila.

O vindeiro 15 de febreiro será a multitudinaria cea de coroación

Coa gala de hoxe na que se elixe quen reinará no Carnaval de Foz 2025 proseguen os actos organizados polo Concello. A seguinte gran cita será a cea de coroación, un evento que nos últimos anos foi multitudinario e que na última edición congregou a unhas 1.200 persoas. Esa cea está previsto que se celebre o vindeiro día 15 de febreiro. Seguiranlle o pregón e o Certame de Coplas, o gran desfile —previsto para o 1 de marzo—, o Luns do Farolillo, a Queima da Sardiña, O Touporroutou e outros moitos actos que cada ano teñen gran participación cidadá.