A Xunta rehabilitará un edificio no casco histórico de Viveiro para crear tres vivendas públicas

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Acaba de sacar a licitación as obras de reforma

10 ene 2025 . Actualizado a las 18:19 h.

A Xunta vén de licitar este venres cun orzamento de 8,2 millóns a execución das obras de rehabilitación de 8 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui, Ribadavia, A Coruña e Viveiro, que permitirán a creación de 25 vivendas públicas en total. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, presentou estas actuacións, que se realizan ao abeiro do programa Rexurbe.

A conselleira lembrou que, xunto á construción de vivenda de promoción pública e o desenvolvemento de solo para facilitar a construción de vivenda protexida e libre, a rehabilitación de inmobles é outro piar das políticas de vivenda da Xunta. Así, a través do plan Rexurbe, promove rehabilitacións en centros históricos para logo cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. Comezaron no seu día en Mondoñedo. “É un proxecto que ademais de facilitar o acceso á vivenda, axuda a recuperar e dinamizar os centros históricos, e tamén incentiva á iniciativa privada para a recuperación destes conxuntos”, indicou.

María M. Allegue destacou que a Xunta traballa para que as 25 vivendas licitadas hoxe «poidan ser unha realidade» no vindeiro ano 2026, tendo en conta que as empresas poden presentar ofertas ata o 24 de febreiro e o prazo estimado de execución de obra é de 15 meses. En concreto, os inmobles cuxas rehabilitacións se licitan inclúen un edificio en Viveiro, entre as rúas Rosalía de Castro e Fernández Victorio, no casco histórico, para habilitar 3 vivendas, cun investimento de 1,5 millóns, dos que 141.355 euros son fondos MRR.

Ademáis de Mondoñedo e Viveiro, a Xunta tamén impulsa o Plan Rexurbe no casco de Ribadeo, polo que respecta á Mariña.