Adrián Canoura: «Para rodar penso sempre na Mariña»

BURELA

Adrián Canoura, aos mandos das proxeccións nun concerto de Baiuca
Adrián Canoura, aos mandos das proxeccións nun concerto de Baiuca XAIME RAMALLAL

Gañou o premio ao mellor videoclip no festival de Cans con ?Veleno?, para Baiuca

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son días de recompensa ao traballo para o director burelao Adrián Canoura. Vén de recibir o premio ao mellor videoclip no festival de Cans por ‘Veleno’, peza audiovisual que dirixiu para Baiuca, e mentres responde ás preguntas do xornalista diríxese en coche ao aeroporto de Barajas para embarcarse nunha xira, co mesmo artista, que o levará a Colombia ou Ecuador.

«O premio dá ledicia por todos os que traballaron no videoclip e por ver que gustou», explica o realizador mariñao, para o que a encarga de ‘Veleno’ representou un reto. «Foi moi especial, un dos traballos máis diferentes ao que fago normalmente, cun equipo máis grande e con máis orzamento. Baiuca deu un paso adiante como músico no proceso de gravación e mestura e en relación con iso buscabamos tamén unha peza máis argumental e menos abstracta», precisa.

Non é o único galardón que recibiu polo momento o videoclip, distinguido tamén nun certame convocado polo Ayuntamiento de Granada.

‘Veleno’ foi gravado en varias localizacións da Mariña, entre elas Sargadelos ou Viveiro, e coas ruínas de San Tirso de Portocelo -onde houbo un castro, un mosteiro e unha capela- como eixo central. «Crieime preto. Ten algo máxico, místico. Cando me toca rodar sempre penso na comarca», admite.

As ruínas de San Tirso de Portocelo, co Cantábrico ao fondo, eran o lugar perfecto para ambientar unha historia «coa que levaba na cabeza había tempo. Investiguei no arquivo do Reino de Galicia sobre o Célebre Manuel, un ser místico do que apenas hai algún debuxo, non máis referencias, e que non se sabe se é bo ou malo», concreta. O músico asturiano Rodrigo Cuevas interpreta este papel, mentres que Baiuca «é unha especie de orador e o catalizador do fío a través do lume». Tamén destaca a presenza de Uxío Dayán, bailador do grupo Saíñas, de Xove.

As dificultades da pandemia

A rodaxe, a principios deste ano, foi «o dobre de difícil» no tocante á produción, nun contexto de Covid-19, con moitos positivos na comarca. «A nivel de protocolo foi esixente: aloxamentos, comidas, transportes, permisos administrativos...», enumera. Por iso agradece aos Concellos de Cervo e Xove e ás persoas que colaboraron na Mariña as facilidades ofrecidas.

Canoura traballa con Baiuca desde o principio da carreira do artista, hoxe unha referencia en Galicia coa súa mestura de folk e electrónica. O realizador burelao encárgase dos sets audiovisuais que o músico quixo levar nos seus concertos. «Empezabamos a un tempo, el na música e eu no cinema de autor, e confiou sempre no meu traballo», indica Adrián. Unha sintonía que os leva a Bogotá (hoxe), Guayaquil (o día 16) e Quito (o 17).

Traballa nun documental logo de embarcarse para o Gran Sol con seu pai

Despois da premiada curtametraxe ‘Caerán lóstregos do ceo’ (2018), e mentres xira con Baiuca e prepara máis videoclips, Adrián Canoura traballa para rematar un documental sobre a pesca no Gran Sol. Non é a primeira vez que toca o tema marítimo, pois retratou a Guerra do Bonito en ‘Escumas, sangue’.

O proxecto naceu logo de que o realizador atopase no desván da casa unhas gravacións que fixera seu pai, nos descansos mentres faenaba. Daquela, de forma espontánea, quixo embarcar con el no barco Raúl Primero -activo desde 1991, ano de nacemento de Adrián- para gravar.

«Foi un pouco á aventura. El saía de marea e eu non tiña concertos, na casa había o mínimo, o kit de gravar de supervivencia, e fun. Grazas a Deus, porque igual se o pensase demasiado non o facía», ri.

O material que gravou seu pai ten, nalgúns casos, máis de 30 anos. «Haino de antes de nacer eu e tamén posterior», indica Canoura, que admite que ao ver as pezas «atopei conexións entre a súa maneira de gravar e a miña. Conectamos case sen querer, chamoume moito a atención», indica.

Nas uñas ou nos pés, has de saír a quen es, di o refrán, pero Canoura non ten aínda moi claro cal foi o motivo que levou a seu pai a gravar. Non ten constancia de que o audiovisual fose unha paixón para el.

«É algo que teño pendente de tratar e quizais no documental vaia unha entrevista onde conte como foi a súa vida e por que quixo facer aquelas gravacións», explica. «Daquela era o bum das cámaras e supoño que foi gravando cousas para deixalas á á súa muller, ao seu fillo», engade.

O realizador burelao agarda que ese traballo que ten un pé no antes e outro no agora poida estar listo nos próximos meses.