Ignacio Fernández, «Kanu»: «O patrón a bordo é psicólogo, compañeiro, amigo... Pídenche consellos sobre cousas da vida»

BURELA

Ignacio Fernández,  Kanu
Ignacio Fernández, Kanu CEDIDA

Celeirense de 40 anos e patrón de pesca do arrastreiro de litoral Río Xunco, súa nai pediulle que non continuara coa saga familiar pero faena desde adolescente

17 dic 2023 . Actualizado a las 23:28 h.

O celeirense Ignacio Fernández Fernández, máis coñecido como «Kanu», cumpriu o pasado día 14 corenta anos. Fíxoo no mar, desde onde traballa desde os dezasete. Traballa como patrón de pesca no arrastreiro de litoral Río Xunco, con porto base en Burela.

—Non se atopan moitos patróns de 40 anos ou menos. É vostede exemplo de relevo xeracional.

—Non serei o máis novo, pero seguramente si dos máis novos. Agora mesmo, non abunda xente formada en máquinas, ponte ou cuberta. Falando do noso oficio, non se atopa con facilidade xente que saiba atar o aparello ou facer costuras no cable. Os que sabían fóronse xubilando.

—Son saberes que se perden.

—Si, vén pouca xente atrás dos que se retiraron.

—Con todo, vostede reivindica o seu oficio, di que paga a pena probar.

—No caso do arrastre de litoral, penso que é un traballo que é duro, pero que se leva bastante ben. Saímos o domingo á noite e volvemos o venres. Non é coma ir a Gran Sol, que botas moitos días sen estar na casa. Como patrón pásanse moitas horas de sono, e moitos contratempos, pero gústame este oficio: o que facemos, o que pescamos, ser un grupo de traballo defendendo unha empresa... Cada día é unha pequena sorpresa porque non sabes o que vai vir no aparello.

—O mar foi o traballo que quixo ou foi o que tocou?

—Eu nacín en Celeiro, ao lado do mar. Meu pai foi mariñeiro, logo traballou na fábrica de aluminio. Meus avós tamén foron mariñeiros, e un dos meus irmáns. Sempre tiven unha vinculación moi forte co mar e gustoume sempre. Quizais ao que nace no interior gústanlle máis a agricultura ou os ríos, pero se naces na costa críaste na praia, ves os barcos chegar e saír. Con meu pai acudía moitas veces á lonxa a ver as ventas. Era unha forma de vida, unha cultura que te vai envolvendo.

—Cando comezou?

—Aos 17 anos. Traballei un ano na lonxa e logo fun sacar o título de patrón a Ferrol. Comecei de mariñeiro no Playa de Celeiro, unha embarcación artesanal duns bos amigos. Eu tiña a libreta pero traballaba empacando peixe, e dixéronme que buscaban xente. Penseino e valorei o que se gañaba daquela na pesca e en terra, e quixen ir.

—Que lle dixeron na casa?

—Miña nai pediume que estudase, ela dicíame que o mar era duro e que me fixase do que coñecía de meu pai ou meus avós. Pero para quitar a miña primera nómina no mar tiña que traballar na lonxa dous meses. Logo fixen un pouco de todo: andiven ao trasmallo; nun cerqueiro fun ao  País Vasco ao bocarte; á volanta nunha embarcación de meu irmán; e de patrón de costa, cubrindo unha baixa nun arrastreiro e catro anos á parella... E xa levo doce anos neste arrastreiro de litoral.

—Sempre ao día.

—Pretendín e pretendo seguir no litoral. Non quero botar moitos días seguidos fóra da casa. Teño unha nena pequena, a miña muller e a familia tira. O meu oficio non está doado agora mesmo, porque están a desaparecer moitos barcos de arrastre de litoral, pero a miña idea é esa.

—Dime que faenou nun barco de seu irmán. Coa familia é máis complicado traballar?

—Por desgraza, a primeira vez que eu embarquei, con 17 anos, meu irmán tivo un percance de saúde. El repúxose pero nunca volveu ao mar, así que non convivín con el a bordo. Teño gravado ese día, saín da casa ás dez e ao pouco dixéronme que el estaba no hospital en Santiago. E tamén por iso preferín quedarme no litoral.

—No día a día e en especial neses casos, que ten que ter un bo patrón?

—O patrón ten que ser un pouco de todo: psicólogo, amigo, compañeiro... Ás veces entra un mariñeiro a pedirche consello, a consultarche unha dúbida sobre algo importante da vida. Eu fun ben tratado polos meus patróns e así tento ser cos demais. No caso de ter un percance en terra, agora cos smartphones é algo diferente. Estás máis tranquilo sobre o que pasa coa familia e tamén te distraes un pouco.

—Mareouse na primeira marea?

—Coma tantos mariñeiros, un par de semanas ou tres (ri). Antes de empezar a traballar nisto pescara con meu pai ás luras e ás fanecas nunha lancha de recreo, pero non é o mesmo (ri).

—Din que hai trucos para evitalo. Funcionan?

—Os máis curtidos dicían sempre que era bo comer algo salgado, como anchoas, xamón ou chourizo, porque parece que o estómago se asenta mellor.

—Por que cre que a pesca non chama?

—A pesca, se se segue presionando así ao sector... Non se anima a ninguén a meterse a emprender. Os armadores son xente maior e os descendentes buscan outras cousas. Falando do arrastre de litoral, agora mesmo de Burela quedamos dous barcos, hai algún máis no porto pero que traballa sobre todo en Asturias. Esta arte ten moitos problemas, porque queren poñer eólicos na costa e para min iso suporía matar o ecosistema. Hai evidencias en Portugal do que podería pasar, a frota artesanal minguou moito. En Celeiro chegou a haber seis parellas de litoral, doce barcos, máis dúas vacas de litoral, faenando ao día. Agora só queda unha parella e ningunha vaca. Por algo é.

—Cre que se menospreza á pesca?

—Nós garantimos peixe fresco, máis fresco imposible. Fálase de coidar a alimentación pero ao mesmo tempo parece que non queren que pesquemos. Cada vez poñen máis trabas. Eu teño a idea de traballar disto os anos que me queden para retirarme, 17 ou 18, e gustaríame que os caladoiros nos que traballo seguisen dando peixe. Nós dependemos moito da cabala, e quixeramos ter máis cota. E non só están en risco os barcos: isto é unha cadea e afectará a outras empresas: talleres, peixeiros, transportistas...

—Séntense no ollo do furacán.

—Si, porque por exemplo pénsase en poñer cámaras a bordo para evitar descartes. ¿A quen lle gusta traballar ou estar as 24 horas do día gravado por unha cámara?