Serán 7 etapas, de Ribadeo a Neda, con degustacións de peixe de Burela nelas
12 oct 2024 . Actualizado a las 05:10 h.O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou e apadriñou onte unha nova edición do Camiño Gastronómico do Mar, na que se xuntan as andainas co consumo de peixe de calidade de Burela ao final de cada unha das rutas. Con estiveron Sergio López, xerente da OPP7, e Manuel Vicente, da asociación do Camiño do Mar.
Onte no acto de presentación deste proxecto, Villares destacou «o labor das Organizacións de Produtores Pesqueiros como as aliadas de Galicia no obxectivo común de incrementar o valor engadido no conxunto da cadea comercial pesqueira e de acadar un sector moderno, sostible, competitivo e rendible».
Así o puxo en valor durante a presentación desta quinta edición da campaña “Camiño Gastronómico do Mar”, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar en Peregrinación a Santiago de Compostela, a OPP7 de Lugo, Armadores de Burela e os Concellos polos que discorre o roteiro.
Alfonso Villares destacou que no caso da Organización lucense, leva máis de 30 anos desenvolvendo plans de produción e comercialización, sendo fundada co fin de contribuír á boa marcha da Política Pesqueira Común e da Organización Común do Mercado marítimo-pesqueiro europeo. «Son, por tanto, un elemento vertebrador para o fomento de actividades pesqueiras viables e sostibles, que contribúen a aumentar a rendibilidade económica dos seus membros, ademais de evitar e reducir as capturas non desexadas e a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada». É por este motivo, polo que a Consellería que dirixe Villares leva achegados a esta entidade dende 2009 máis de 2,5 millóns de euros á entidade pesqueira burelesa.
A iniciativa presentada onte, O Camiño Gastronómico do Mar, enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual. Está composta por 7 etapas, de entre 15 e 20 quilómetros, que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 24 de novembro. Os participantes visitarán 15 municipios do norte de Lugo e A Coruña, dende Ribadeo (cruce co Camiño Norte) a Neda (entronque Camiño Inglés).
O roteiro ten por obxectivo reivindicar este trazado e promocionar as especies capturadas pola flota de altura en Burela, mediante a posta a disposición dos locais participantes dunha selección das principais especies pesqueiras que representa ás diferentes frotas, e que neste caso son, principalmente, a pescada do pincho, o peixe espada, o rape e o chicharro. «Supón unha excelente oportunidade para dar continuidade ao compromiso do Goberno galego de concienciar á cidadanía da importancia de introducir a dieta atlántica na súa alimentación». A frota da OPP7 do porto de Burela está formada por 42 embarcacións de 4 modalidades, que faenan en 2 caladoiros internacionais (palangre de superficie en augas do Atlántico Norte e Sur, palangre de fondo en caladoiros da UE) e outros 2 nacionais (arrastre de fondo e cerco artesanal. O seu volume de facturación é de 43 millóns de euros, obtidos da venda de máis de 18.000 toneladas das diferentes especies.