Vinte videoclips en 14 meses: o móbil de Xaime Miranda non deixa de soar

CERVO

Xaime Miranda é un dos realizadores de videoclips máis solicitados de Galicia
Xaime Miranda é un dos realizadores de videoclips máis solicitados de Galicia PEPA LOSADA

Solicitado en Galicia, o realizador cervense tivo no 2021 o primeiro encargo de fóra da comunidade

10 ene 2022 . Actualizado a las 18:29 h.

Ten que botar contas cando lle pregunto, porque a xeira foi -está a ser- de órdago: ao rematar febreiro, o realizador cervense Xaime Miranda terá rodado 20 videoclips nos últimos 14 meses, entre os doce do ano 2021 e as dúas primeras mensualidades do 2022. Os grupos petan na porta do cineasta, con dous premios Mestre Mateo á mellor peza audiovisual musical, por «Muinheira do Interior» -de Boyanka Kostova- e «Esquimales», de Heredeiros da Crus.

—En que anda traballando?

—Estamos rematando tres vídeos que rodamos en novembro e decembro, e entre xaneiro e febreiro rodaremos outros catro.

—O último ano non parou.

—En 2020 fixen nove vídeos. Co confinamento parouse todo, pero ao relaxarse as restricións moitos grupos quixeron poñer en marcha todo e a recta final do ano foi unha toleada. Pero en 2021 notouse aínda máis que había moitos proxectos pendentes. As bandas non poideron tocar e quizais os videoclips foron a maneira de seguir presentes de cara ao público.

—A final de febreiro terá «parido» 20 fillos en pouco máis dun ano. Quérenselle a todos por igual, ou hai algúns favoritos?

—(Risas). Para min todos teñen algo, pero quizais destacaría un de Vaino, de Xurxo Fernandes. Foi un traballo de magnitude, de sete minutos de duración. Rodámolo nun plató e nel metimos un boi de non sei cantos quilos (risas). Pero tamén me gustou moito o de ‘Esta pena que a veces teño’, de Nuno Pico, Grande Amore, que tamén é da Mariña. Untámolo en aceite e tinguímolo de rubio pensando nunha estética da electrónica dos anos 70 e 80, daquela moi en voga en Alemaña. Nuno pasou moita vergoña e dicía que tiña o cabelo «cor pito cocido» (risadas). E logo houbo un proxecto de Dios Ke Te Crew e Boyanka Kostova no que tamén colaborou Pili Pampín, o que foi unha mestura bonita e divertida.

—Fala de videoclips en platós. Como condicionou a pandemia as rodaxes?

—Fixemos varios así polas complicacións de andar en exteriores: había que estar pendentes de moitos permisos, cambios... Penso que no caso dalgunhas pezas rodar en interiores deulle ao resultado un toque singular.

—En Galicia é unha referencia, pero xa o chaman tamén de fóra.

—Este ano fixemos o primeiro videoclip fóra, en Navarra, para o grupo Mala Hierba. Foi unha experencia moi boa, chamáronnos por outros vídeos nosos que viran. Por agora desenvolvimos o noso traballo na escena galega e non buscamos novos horizontes, porque os desprazamentos encarecen moito os traballos e tamén porque tiñamos por diante choio abondo (risas).

—Xa pode vivir desta faceta?

—Non, por agora compaxínoo co meu traballo nunha produtora. É difícil subsistir cos videoclips: o audiovisual é caro e os orzamentos son axustados.

—E aínda así o videoclip é un produto cultural en auxe. Ningún músico pensa hoxe ter unha carreira sen quitar videoclips.

—Si. É un momento estraño, porque co auxe de Youtube todos quixeron ter un videoclip, pero quizais esa tendencia xa vai a menos. Por un lado, se todos os grupos quitan videoclip, hai unha saturación. Por outro, o mundo dixital vai rapidísimo e a maneira de comunicar as cousas e os modelos de consumo cambian seguido. Agora vemos que se levan pezas audiovisuais curtas, de segundos máis que de minutos, que encaixan mellor en redes como Instagram. Nós notámolo nunha baixada de visualizacións.

A Xaime Miranda gustaríalle probar no mundo da ficción audiovisual, sen estar sometido ao corsé da duración dunha canción ou de tecer historias que teñan relación coa música do encargo.

—Ten pendente presentar unha curta, ‘O Neno e a sombra’, un proxecto que iniciou hai anos.

—‘O Neno e a sombra’ está practicamente rematada. O grupo que iniciou a curta está un pouco disperso porque cada un de nós tivo que priorizar primeiro as cousas que nos dan de comer, e ademais a pandemia non axudou a avanzar. Pero está en marcha e pensamos completalo nos primeiros meses de 2022. Falta só a posprodución: son, cor, etcétera. Logo tentaremos movelo.

—E tamén hai algún tempo que traballa en escribir a que sería a súa primeira película.

—Hai cousas en marcha, pero a que temos máis avanzada é o guión dunha longametraxe que estamos escribindo con Nuno Pico. Foi unha historia que comezamos a escribir durante o confinamento, e temos unha primeira versión. Agora estamos revisándoa, aínda que niso imos máis lentos, porque nós tivemos moito traballo e Nuno tamén tivo un ano movido con Grande Amore. Pero darémoslle para diante.

—Non é pouco.

—Non (risas). Levo feitos uns 50 videoclips e a verdade é que me gustaría facer máis cousas de ficción, que é o que máis me enche e o que máis me apetece. Pero si é certo que os clips son unha escola tremenda, porque con eles pules a metodoloxía, acumulas horas de rodaxe e probas estéticas novas.