A dana, contada por unha cervense desde Cheste: «O que choveu aquí foi terrible e a Paiporta e Aldaia chegou feito un tsunami»

CERVO

A cervense Beatriz Gómez Amor
A cervense Beatriz Gómez Amor CEDIDA

Beatriz Gómez Amor vive na localidade valenciana, que quedou practicamente illada, co seu home e o seu fillo

04 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Beatriz Gómez Amor, natural de Cervo, reside en Cheste coa súa familia. Veuse afectada pola dana que asola Valencia, explica, nunha moi pequena parte, en comparación co que sufriron outros veciños da comunidade. Aínda así, todo o que relata é duro de escoitar. Conta que o cumpreanos do seu fillo, o pasado 31 de outubro, pouco máis puido facer que pecharse na casa e co seu pequeno na cama «xogar ao que xogabamos de pequenos, contar o tempo que pasa entre que se ve o lóstrego e que soa». Pero «nin tempo daba, de tanto trono. Parecía que na fiestra había unha discoteca», relata.

—Como é a situación en Cheste?

—Como aquí o río pasa polas aforas e non polo centro, como ocorreu en Chiva, si que houbo destrozos nas casas pegadas ao cauce, pero no que é o casco urbano estamos todos ben. A familia do meu home si que sufriu desperfectos en electrodomésticos. Onte pola noite (polo venres) chegounos a luz. Estivemos sen corrente desde o martes, e sen telefóno ata o xoves, cando vin os primeiros whatsapps. Pero ao día seguinte da dana si que puiden saír ás aforas do pobo para chamar á familia. Un problema é que estamos illados, romperon todas as pontes de acceso e só podemos saír por un lado. Ir a Chiva, que está a cinco minutos en coche, lévanos media hora. O Mercadona foi o único súper que abriu e acabou todo, como na pandemia. En Cheste temos desaparecidos, polo menos tres ou catro persoas coñecidas. Preocúpannos os barrancos pegados ao río, porque pensamos que aí pode haber vítimas, e estamos rastrexando polas tardes. O gran premio de motociclismo que se ía celebrar desde o día 15 suspendeuse, porque houbo danos importantes no circuíto.

—En Cheste choveu moitísimo.

—Din que uns 430 litros por metro cadrado, outros case 500 en Chiva. Ao chover tanto aquí, o caudal medrou cara abaixo e chegou a Paiporta ou Aldaia como un tsunami.

—Estando preto, souberon tarde da dimensión da catástrofe.

—Quedamos impresionados. Foi ao ir á casa dun amigo que tiña luz para recargar os móbiles. Aí vimos por primeira vez o telexornal e puxéronsenos os pelos de punta, enchéronsenos os ollos de auga. O meu home foi hoxe (polo sábado) a Aldaia e veu coa cara descomposta. Veu todos eses coches agolpados... Eu tamén comecei a traballar e dinme conta de que fumos uns privilexiados.

—Vostede traballa como axente da Garda Civil e estivo en Chiva.

—Estivemos no barranco, porque había que tirar algunhas casas que quedaron partidas, non quedaba nin a metade do edificio. Axudamos aos propietarios a quitar as súas pertenzas e logo precintar para que ninguén entre, porque é un perigo. Un dos donos aínda o tomou con humor, porque comparou co que ocorreu noutros lugares e sabía que polo menos estaba vivo. Tamén diriximos o tráfico no pobo para que poidesen entrar as motobombas, para quitar auga dos garaxes. Comezamos ás seis da mañá e acabamos pola tarde. Chamou unha señora avisando de que había varios nenos nunha casa coa auga pola cintura, sobreviviron. A cantidade de xente que hai por aquí para botar unha man... Pero un pouco como polos sen cabeza. Nótase que quenes coordinan están desbordados, isto váiselle das mans a todo o mundo. Moitas persoas que estaban a colaborar como voluntarios para retirar a lama facíano sen medidas de protección, cando esa auga estancada pode causar moi doadamente infeccións.

—Esta catástrofe vai deixar cicatrices moi importantes.

—Vai ser moi duro. Toda a xente que morreu, que perdeu as súas casas... E outras persoas que van ter traumas psicolóxicos. Unha amiga nosa conseguiu chegar a Cheste desde Valencia despois dunha odisea, pero veu xente pedindo socorro e afogándose. É un desastre e o peor virá agora.