Kornucopia salta a fogueira dos prexuízos para fundir rock e sons tradicionais, nace unha nova banda en Ribadeo
RIBADEO

«Sardiñas e sal», o primeiro sinxelo, verá a luz o día 23 con motivo do San Xoán
21 jun 2023 . Actualizado a las 18:29 h.«Se ti cres que a dor chama á porta / saca a venda e dime que ves / se ti cres que a Lúa brilla soa / dos soños tes que aprender / Sardiñas e sal, o lume e o mar / o vento vai levar o que non vale máis». Así canta Sergio Prieto antes de que o son de Kornucopia se expanda polos altofalantes. O grupo de Ribadeo, que mestura o rock e outras músicas contemporáneas con elementos de raíz tradicional, publica este San Xoán o seu primero sinxelo.
«Sardiñas e sal», cunha letra relacionada coa festa das lumeiradas e que convida a saltar a fogueira do medo para desfrutar da vida, verá a luz este 23 de xuño. Será a estrea de Kornucopia, formación ribadense que vén agromando desde o ano 2021, con músicos procedentes de bandas coñecidas como Mallory, Remakers, Beetle Judge ou Tumba e Dálle. Foi durante a pandemia cando Prieto (voz principal, pandeiro e pandeireta), Rober Galle (caixón, bombo, platos, shaker) e Fillo García (baixo, voz) decidiron saír das súas respectivas zonas de confort e fusionar músicas e estilos. Con posterioridade sumáronse ao proxecto Pablo Fei (guitarra) e Cherry Fernández (banjo, mandolina, ukelele, guitarras e coros).
Pouco a pouco, o grupo descubriu que «as melodías tradicionais galegas, xunto coas percusións, non están reñidas co pop, o rock, o jazz ou o blues. Esta etiqueta en branco fai deste produto algo diferente, xa que ningunha norma nin prexuízo nos vai condicionar á hora de crear», apunta a formación musical, que aposta pola autoproducción e a xestión da súa música, desde a súa creación ata as gravacións. «A pandemia fixo que nos puxeramos as pilas á hora de autoxestionarnos. A gravación caseira ten as súas dificultades pero tamén nos permite ir facendo cousas ao noso ritmo», explica García.
«Estamos moi ilusionados con este proxecto, que terá unha sonoridade bastante acústica e pensamos que distinta. Desde logo para nós foi como revitalizarnos a nivel musical, ver que somos capaces de conseguir resultados diferentes do que fixemos antes motiva moito. Co tempo vas cambiando de gustos e temos ganas de seguir investigando e tirar por aí», expón o baixista.
«Sardiñas e sal» sairá con videoclip e poderase escoitar o día da súa estrea tanto a través das redes sociais como en Spotify. Será un aperitivo do que ten por ofrecer Kornucopia, que conta xa cun repertorio dunhas dez cancións propias, a maior parte das cales son en galego e outras en castelán, e das cales catro xa están practicamente listas para a súa difusión. «Intentaremos na medida do posible tirar de repertorio propio», aclara García.
Malia a súa creatividade, o grupo ribadense non prevé polo momento quitar disco, senón que se adaptará á dinámica máis habitual de entregar música nestes tempos, publicando sinxelos periodicamente. «Hoxe en día, sacar un álbum sen o apoio dunha discográfica importante é case como metelo nun caixón. A xente ten outra forma de consumir música, moi ligada ás redes sociais e á imaxe. Ao longo do verán sacaremos algún single máis», apunta García.
Ao tempo que difunde a súa música, a agrupación prepárase para os directos. «Xa tivemos algunha chamada para facer concertos, pero por agora estamos pulindo o que imos ofrecer en vivo para facer bos directos», concreta. O tempo necesario para un traballo «feito con amor». Cornucopia era o corno da abundancia na mitoloxía grega: igual de pródiga quere ser -en sons, en estilos- esta nova banda da Mariña.