Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O BNG critica o «abandono» do galego en Ribadeo e reprocha que as clases e actividades na piscina municipal sexan en castelán

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Pablo Vizoso, portavoz municipal do BNG en Ribadeo
Pablo Vizoso, portavoz municipal do BNG en Ribadeo PEPA LOSADA

Di que non se aplica a ordenanza en vigor e que non se esixe ás empresas dependentes do concello que usen o galego

28 ene 2025 . Actualizado a las 20:21 h.

O BNG de Ribadeo denuncia a actitude do goberno municipal do PP cara ao idioma galego, «cun total desleixo e abandono. Non aplica a ordenanza en vigor, ou mesmo a contradí frontalmente». A consecuencia é, di o BNG, un retroceso respecto aos logros que se foron conseguindo cando o Bloque gobernaba.

A lingua galega atravesa por unha situación crítica, como acreditou o último informe do Instituto Galego de Estatística. En Ribadeo, critica o BNG, aos poucos días da toma de posesión do goberno municipal do PP xa se viu que non había interese porque a documentación do Concello estivese en galego: «Aparecen documentos, informes, avisos, sinaléctica, convocatorias en español, algo non visto desde hai máis de 30 anos no noso Concello».

«As intervencións do alcalde e membros do goberno pasaron a ser en español coa mínima escusa, ás veces ridícula (...). Tampouco se esixe ás empresas dependentes do concello que usen o galego, tal e como manda a ordenanza de normalización lingüística aprobada vai xa para vinte anos. Na Piscina Municipal as clases son en español, e a páxina web está chea de erros. Os avisos das empresas que traballan para o Concello, igual...», dice o BNG.

Engade que hai sinaléctica con toponimia deturpada e ilegal: Villaguiz por Vilagoiz, San Lorenzo por San Lourenzo, “prohibido fijar carteles”... No eido da programación cultural, O Concello aproveita a mínima ocasión para contratar espectáculos en castelán. Vaia maneira de potenciar o uso e aprendizaxe do galego! Daniel Vega segue a estela de Feijoo, ben preocupado en agradar a quen critica e ridiculiza o uso do galego sen ningún miramento: a estrema dereita española».