A Real Academia Galega insta as forzas políticas a iniciar o curso político cun proxecto para a lingua que «comprometa e ilusione»
GALICIA
Di que a responsabilidade do rumbo que está a seguir o idioma é de toda a sociedade galega, pero en primeiro termo «de quen dispón dos mecanismos de actuación e planificación: o Goberno galego»
13 dic 2024 . Actualizado a las 22:17 h.Nunha declaración institucional a prol dun pacto pola lingua publicada este venres, a Real Academia Galega insta a Xunta e as forzas políticas a iniciar o novo curso político «cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione». Para iso, subliñan, «cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas», unha tarefa que consideran urxente e que xa non admite máis demoras.
A Academia faise eco dos datos sobre a situación do idioma publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que dan conta dunha «dramática redución» da cifra de falantes de 5 a 14 anos, do incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade, da incapacidade para falar galego do 32 % no grupo de idade máis novo e da incompetencia para escribilo do 38 % dese mesmo grupo.
As cifras do IGE ofrecen, segundo a Academia, «unha proba rotunda das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego», que sería o incremento do monolingüismo en castelán e a diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso.
A institución recoñece que a responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero tamén de quen dispón dos mecanismos de actuación e planificación. «A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego», afirma. Fronte a esta situación, propón que se actúe con urxencia en varios ámbitos, como no seo das familias, onde se vive «unha dramática ruptura da transmisión xeracional», e na escola, onde os nenos chegan ao ensino infantil e primario falando galego e «ao pouco tempo volven falando castelán».
Interpela tamén os medios de comunicación, «que afrouxaron nas iniciativas creativas arredor da lingua e son axentes fundamentais para a normalización do idioma». En canto aos medios públicos, a Academia manifesta a «súa fonda preocupación» pola posibilidade do uso doutras linguas que permite o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
Urxe a RAG unha «política estimulante» que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, «e mais que o active na Administración pública, na sanidade, na xustiza...».
A revisión do Plan Xeral de Normalización da Linga Galega
Sobre a presenza da lingua nas novas tecnoloxías da comunicación, a Academia ve necesaria «unha estratexia activa que estimule os creadores nas redes sociais, a súa presenza na intelixencia artificial». E aposta tamén por «un achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía».
Todo isto debería concretarse, segundo a RAG, nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en que deben participar os axentes sociais relevantes. Pide que esta revisión teña en conta a súa implantación, con medidas concretas e obxectivos temporalizados.
Amais, e en base á Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, a Academia solicita o deseño dun marco normativo novo para o galego, «incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día».
Como punto de partida para esta nova política, a Real Academia Galega subliña que é imprescindible que se chegue a «un pacto pola lingua galega que implique o conxunto da sociedade».