Viveiro contará cun bus «circular» que unirá Covas, Viveiro e Celeiro cada media hora

La Voz

VIVEIRO

Míriam Bermúdez, tenenta alcaldesa, impulsa a creación dunha línea de bus circular no municipio
Míriam Bermúdez, tenenta alcaldesa, impulsa a creación dunha línea de bus circular no municipio CEDIDA

Trátase dun servizo creado en colaboración coa empresa concesionaria Autobuses de Viveiro

06 abr 2024 . Actualizado a las 10:46 h.

A Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Mobilidade da localidade de Viveiro presentaron para a súa aprobación por parte da Consellería de Mobilidade da Xunta de Galicia un proxecto de liñas de autobús que inclúe un bus circular, creado en colaboración coa empresa concesionaria Autobuses de Viveiro.

A ruta circular irá dende Escourido á praza do Naufrago situada en Celeiro, funcionará de luns a sábado e, cun horario especial tamén os domingos. Ademais, o proxecto inclúe tamén rutas entre Covas Motel e Burela e entre a igrexa de Valcarria e a Estación de Autobuses de Viveiro, que funcionarán de luns a venres.

Esta última ruta «garantirá tamén a conexión co rural, e o servizo será ampliable e modificable en función de como vaia funcionando», explica a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.

Este bus circular conectará cunha frecuencia de 30 minutos os tres principais núcleos poboacionais do municipio, Covas, Viveiro e Celeiro. O proxecto inclúe varias liñas adicionais e será posteriormente ampliable a outras zonas do Concello.

«Traballando en colaboración coa empresa, deseñamos a modificación das actuais rutas para facelas máis eficientes e que sirvan pra crear un bus cómodo para ser utilizado pola veciñanza», afirma a tenenta de alcaldesa.

O billete do bus tería un prezo de 1,55 euros e serían aplicables todas as tarxetas con descontos da Xunta, como as dirixidas á mocidade ou a persoas maiores.

«Este proxecto vai supoñer un cambio de hábitos para a veciñanza, pero será un cambio a mellor, polo que agardamos que veciñas e veciños lle dean un amplo uso», explica Bermúdez.

A tenenta de alcaldesa agarda «que dende a Xunta de Galicia teñan para ben os cambios propostos e dean o seu apoio a este proxecto, para deste xeito contribuír a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Viveiro, ademais que permitirá crear unha cidade moito máis sostible ao tempo que suporá un gran beneficio para os e as viveirenses».