O Himno de Galicia emocionou Viveiro no Día das Letras na gaita de David Bellas e as voces da Coral Polifónica Alborada 

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Xaime Ramallal

O coro do CEP Lois Tobío e os diferentes grupos de Bágoas da Terra completaron a cita celebrada no Teatro Pastor Díaz, que estivo a rebosar

17 may 2024 . Actualizado a las 19:26 h.

Aínda que a ameaza de choiva obrigou a trasladar os actos a cuberto, a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado nesta ocasión á autora Luisa Villalta, estivo cargada de emoción en Viveiro. O Teatro Pastor Díaz estivo a piques de quedarse pequeno para acoller unha cita que arrincou coa interpretación do Himno Galego cargada de sentimento na gaita do músico David Bellas, e que continuou con diferentes actuacións dos diferentes grupos de baile e música (gaitas, pandeiretas, bombo e tamboriles) da asociación cultural Bágoas da Terra, que preside Maricarmen López Gónzález, Chipe. Entre as máis aplaudidas estiveron as dos grupos infantís, nos que unha chea de nenos están vivindo os seus primeiros pasos no mundo do folclore e da música tradicional.

David Bellas, este venres, no escenario do Pastor Díaz interpretando o Himno Galego
David Bellas, este venres, no escenario do Pastor Díaz interpretando o Himno Galego Xaime Ramallal

A continuación actou o coro do CEP (Colexio de Educación Primaria) Lois Tobío, dirixido polo profesor Iván Vale Fraga, e nos que ó redor dunha vintena de pequenos encandilaron ó público. Finalizou o encontro a Coral Polifónica Alborada, que dirixe na actualidade a música e profesora Marta Pérez Lage. As súas voces interpretaron, entre outros, Camariñas ou Meu amor mariñeiro; e puxeron o broche de ouro ó acto cantando o Himno Galego (baseado no poema Os Pinos, de Eduardo Pondal, e coa composición musical de Pascual Veiga) co público posto en pé cantando canda eles. 

O grupo de gaitas de Bágoas da Terra tamén participou no Día das Letras Galegas
O grupo de gaitas de Bágoas da Terra tamén participou no Día das Letras Galegas Xaime Ramallal