Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro: «En breve imos cambiar o contrato da luz e aforraremos en torno a un 50% que destinaremos a investimentos»
VIVEIRO
Confía en iniciar o 2025 co orzamento aprobado: «Será o ano do rural»
20 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Reorganizar o contrato da luz, un dos maiores gastos que ten o Concello de Viveiro e que lle supón ó ano un desembolso superior ó millón de euros, é unha cuestión «vital» que está a punto de resolver a Concellería de Medio Ambiente, Obras e Medio Rural, que dirixe a nacionalista Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa no bipartito que desde hai 14 meses encabeza María Loureiro (PSOE). «Organizamos unha auditoría e a semana que vén teño a reunión coa empresa para detallar o prego. Como moi tarde, en novembro teremos o contrato listo para licitar e en xaneiro empezaremos con el. Co cambio aforraremos en torno a un 60% en alumeado e a un 50% en edificios que serán destinados a investimentos», afirma unha concelleira que, ademais de completar «unha xornada laboral coma a de calquera traballador» no Concello, pola tarde fai numerosas extras, atende compromisos derivados do cargo ou traballa desde a casa co seu ordenador conectado en remoto.
—Chegou ó Goberno local en xullo do 2023. Que valoración fai deste tempo?
—Foi un período moito máis complexo do que pensabamos porque non sabiamos que había un millón en facturas pendentes de pagar e sen propostas nin tramitacións de ningún tipo. A partir diso, marcamos certos límites nos que a Secretaría estivo a favor. Foi cando fixo o informe de que hai que facer as cousas como se deben, controlando todo o gasto e as facturas.
—Co orzamento aprobado «in extremis» e queixas de todo tipo de asociacións e colectivos, sen Policía Local..., o 2024 semella un «annus horribilis» para Viveiro.
—Había moito que facer a nivel de xestión. O Concello sobrevivía pola inercia propia da Administración e a responsabilidade dos traballadores, que sacaban o seu traballo adiante. Agora hai outro tipo de dinámicas, con máis reunións, coordinación... É imprescindible.
—Podería facer un balance dos proxectos impulsados ata agora?
—A mellora do parque Pernas Peón, a reparación de viais en Escourido, os saneamentos de Celeiro, e do Filón ou da Pena, na parroquia de Vieiro. Este xoves ampliaremos o parque móbil municipal coa chegada dun novo tractor, que se sumará ó que xa tiñamos. Custou 120.000 euros e colaborou Medio Rural da Deputación. O venres chegarán dúas furgonetas eléctricas e temos tamén dúas biotrituradoras. Unha funciona xa na brigada de parques e xardíns, e outra irá ó Punto Limpo, á Patarroa, cuxa instalación imos mellorar con 84.000 euros ampliando cunha zona de biomasa onde calquera persoa poderá deixar os restos de poda. Estamos a punto de reparar o parque da Atalaia, en Celeiro, cun convenio con Mocidade, da Deputación. E tamén repararemos as beirarrúas de Magazos substituíndo a rede de abastecemento. Todo iso está acabado, andando ou próximo a facerse.
—Cando se verán resultados?
—Hai moitas cousas que van saír adiante en moi pouco tempo, pero como se partiu de cero foi necesario facer auditorías. Pero aí están as ordenanzas de convivencia, acceso a praias e uso de viais para sacar a madeira, nas que levamos traballando moito. E a de mercados sairá en breve. Hai ordenanzas fiscais que levan 20 anos sen ser revisadas. Fai falta máis xestión á hora de conseguir ingresos e niso estamos mellorando.
—E o orzamento do 2025?
—As nosas áreas téñenos practicamente pechados. A nosa idea é que se aprobe antes de finalizar o ano para comezar a executalo o 1 de xaneiro. Será o ano do rural.
—Que tal é a relación coa alcaldesa e o resto do bipartito?
—Temos boa relación, cordial.
—E con outras administracións, como a Xunta ou a Deputación?
—Por agora boa. Pedín reunión con Mobilidade e houbo unha. Pedín unha en Comercio e téñoa, e hai outras pendentes... Agora estamos pendentes de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos cite á alcaldesa e a min para falar da variante, que é crucial porque estamos moi mal comunicados.
«Hai propostas de mobilidade que van ser controvertidas, pero mellorarán a calidade de vida dos viveirenses un 100%», Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro
Unha auditoría sobre máis de 2.000 pistas porque «de nada serve asfaltar primeiro se está mal o saneamento»
Son moitos os veciños que lle trasladan a Miriam Bermúdez queixas polo mal estado de pistas, camiños, rúas... Nesa liña destaca que «está ó caer» unha auditoría sobre os máis de 2.000 viais de titularidade municipal. Unha empresa revisou un por un analizando a súa lonxitude, o número de casas ás que serve, o tipo de firme (rego, asfalto ou terra) e o seu deterioro. En base a ese informe estableceranse prioridades de reparación e orzamentos. «Pode haber un vial moi deteriorado que non dea servizo a ningunha casa, polo que hai que buscar o equilibrio», comenta. Bermúdez avanza que «os madeiristas van pagar a escote» a pista do Xuncal, en Valcarría, «porque a destrozaron eles». O barrio do Conexo e a zona de Nogarido, en Covas; diversas zonas de Cantarrana, como a Rúa Vilalba; a zona do Cristo, en Landrove, ou diferentes viais en Galdo tamén serán actuacións prioritarias. «De nada serve asfaltar primeiro se logo hai que levantar todo porque está mal ou falta o saneamento e hai que actuar por debaixo», relata Bermúdez, que destaca a colaboración con entidades como as comunidades de montes.
Parte desas demandas afloraron nas reunións que mantiveron a principio de ano ela e o concelleiro Ramón Martínez cos veciños, parroquia por parroquia. «Fomos a peito descuberto e déronnos por todas partes, pero mereceu a pena. Estar en contacto coa xente é imprescindible», comenta. En breve dará comezo outra rolda de reunións veciñais.
Bermúdez tamén destaca o bo funcionamento do servizo de praias este ano, con socorristas en Area e limpeza diaria, entre outros. O obxectivo e lograr socorristas para a de Covas no 2025. «Ímolo lograr si ou si», apunta.