Que unha librería cumpra vinte anos é como para facer unha festa. A xente fai festas sen motivos, para canto máis cando os hai. Pero se ademais a librería está adicada ao cómic a festa ten que ser dobre e diferente. Tampouco é necesario ser friki e vestirse como o Capitán América para ir. Basta con non aguantarse as ganas.
Kómic cumpre 20 anos e celébrao na Sala Nasa que hai pouco cumpriu 15. Destes datos quizais poidamos deducir que o tempo pasa e vainos facendo vellos que, ben mirado, é outro motivo para facer outra festa. Quere dicir que seguimos aquí.
A banda escollida para amenizar tan particular celebración é a Banda de Nash, formada por músicos variopintos pero experimentados e que o mesmo poden facer unha versión dos Eagles que de Nacha Pop. Así de amplo. Como pouco poden repasar a historia recente da música popular, mesmo esquivando o peor dos oitenta, aínda que The Police e U2 forman parte do seu repertorio habitual.
Como hai tempo que os superheroes só andan soltos por Hollywood non haberá temor a que de camiño a San Lourenzo ninguén se cruce cun señor cunha capa ou unha chavala en mallas. Podemos levalos nós debaixo do brazo que é mellor lugar para que viaxe.