Non choredes máis

La Voz

AROUSA

17 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Micah P. Hinson soa ben. Dito isto, tamén podería darse unha alegría de cando en vez. A exhibición constante dunha maneira de padecer non é máis que outro xeito de pornografía.

Hinson exhibe sen presa e sen pausa unha maneira de padecer que, non fondo, é autocompasiva. A música do norteamericano ten esa característica que a iguala á dos pianistas polacos: recrearse nunha ambientación de fonduras melancólicas e darlle voltas sobre case todos os pesares. En certo sentido é monográfico e, sendo menos indulxente, é monótono. En cuestións de música hai días que padezo alucinacións asociativas e con Hinson sucédeme que na primeira impresión definitiva era como Leonard Cohen sen as arrugas das circunstancias, desprovisto do seu carácter lacerante e con menos sentido do que no resto do mundo que non é Hinson coñecemos por irónico. Pero as constantes melodías suaves soan como unha nana triste e teñen a suavidade de non molestar. Claro que coa mesma natureza hiperbólica da tristeza de Hinson poderiamos preguntar se hai que ir aos seus concertos a escoitar ou a compadecerse. E non choredes máis, xa chora el.