«Ao final resultou, e non por iso son un visionario nin casposo»

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

O responsable das festas quedou contento co resultado da programación, aínda que asume que todo pode ser mellorado

24 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cansado, satisfeito e xa traballando intensamente para os actos deste fin de semana. Así se atopaba onte o responsable de Cultura do Concello de Vilagarcía, despois de pechar a programación das festas de San Roque, unha programación que durante os últimos dez días encheu de xente as rúas da capital arousá.

-¿Que balance faría destes días de festa?

-Hai que ter en conta que as festas representan un momento intenso de actividade. Este ano houbo máis de cincuenta eventos e actividades, só contando os que lle corresponden a esta concellería. Tendo en conta isto, creo que esta festa se superou con nota, un mérito que non é só para o concelleiro responsable. Aínda así, todo ten un campo de mellora.

-Houbo algunha queixa, por exemplo, porque o fume non deixou ver o Combate Naval.

-No Combate Naval houbo problemas coa meteoroloxía. Os cidadáns que se atopaban na zona da Concha tiveron problemas co fume. Eu vin os fogos na parte central da praia, e desde ese punto viuse perfectamente, pero non podemos controlar os elementos meteorolóxicos. Unha festa ten moitos compoñentes, pero hai dous elementos, que non dependeron de nós, que foron moi positivos. Un é o feito de que unha festa coma a de San Roque non tivera ningún incidente. Outra foi o tempo, que en xeral foi moi favorable.

-A xente parece que respondeu ben ás propostas.

-Si, o certo é que movemos ao mellor, aínda que unha mesma persoa se repite moitas veces, a unhas 150.000 persoas en todas as festas, máis de 30.000 no Combate Naval, entre 12 e 15.000 no desfile e na Festa da Auga. Nos concertos, tirando polo baixo, tivemos máis de 40.000 persoas. A verdade é que nos sentimos satisfeitos, porque creo que a festa cubriu as mellores expectativas. Esta concellería ten unha filosofía para as festas. As festas son primeiro para a cidadanía, sen discriminar, buscando sempre o interese xeral e tentando satisfacer a todos. Creo que todo o mundo tivo o seu currunchiño na festa. O segundo gran obxectivo é crear valor engadido, neste caso a favor dos sectores económicos básicos, na hostalería, no comercio, que creo que tiveron un dos mellores momentos do ano. E o terceiro é a imaxe da cidade cara a fóra, e aí hai que mirar a cantidade de medios que se desprazaron aquí para cubrir moitos dos eventos.

-Seguindo coas críticas, hai xente ata case escandalizada polo desfile de carrozas.

-O desfile ten aspectos positivos e tamén algún aspecto que pode ser cuestionable. Supoño que a crítica estará en relación coa proposta visual das dúas carrozas de animación. Eu teño que confesar que quedei un pouco sorprendido co tema, pero unha vez visto tampouco me sentín moralmente capacitado para censurar e creo que a sociedade local sabe ver as cousas en positivo. Foi unha proposta un pouco atrevida da empresa organizadora. Nós tomamos nota, pero o resto foi impecable. Algo parecido ocorreu coa iluminación de Rey Daviña, onde colocaran unha alegoría á navalla que mandei substituír.

-Tamén foi moi criticado o programa de concertos, coa coincidencia de Sergio Dalma, David Civera e Francisco e, ao final, parece que o público desmentiu esas críticas.

-Eu creo que as críticas son lícitas, son boas, eu son moi sensible e teño unha preocupación por facer as cousas o mellor posible. Pero foron inxustas, porque ademais se lanzaron desde as redes, con anonimato e mesturando a sana opinión con cruces de intereses políticos e comerciais, que tamén había de todo iso un pouco. Eu teño que administrar uns recursos que foron un 30% inferiores aos do ano anterior, e teño que mirar polo interese xeral. Hai que ver as cousas nese contexto. Polo tanto, seguimos un procedemento e escollemos a mellor opción para Vilagarcía. E ademais escollemos unha opción que ao final resultou, porque a cidadanía santifica ou criminaliza coa súa presenza ou ausencia. O concerto de Francisco, que parecía ser o obxecto principal das iras, encheu a Xunqueira, foi elegante e cumpriu perfectamente, cunha corrección impecable. O concerto de Civera, que tamén tivera o seu cuestionamento, foi récord en participación, e o de Sergio Dalma foi un concerto deses que deixará un grato recordo. E os outros, que cumpren funcións especializadas, coma o de Melocos ou o de Astarot, tamén cubriron, porque ao final a nosa filosofía é familia, nun amplo espectro de espectadores, e segmentos especializados. Ao final resultou, e non por iso son un visionario nin tampouco casposo, nin unha cousa nin a outra, eu fago o meu traballo como debo facelo, coa mellor das intencións e, sobre todo, poñendo por riba de todo o interese xeral.