O equipo vilagarcián arrincará mañá a Liga de Segunda Feminina cun plantel mermado respecto ao do ano pasado
03 sep 2016 . Actualizado a las 05:05 h.O Atlético Arousana vivirá mañá ás 12 na Lomba unha dobre estrea. A da Liga 2016/17 da Segunda División, a categoría de prata do fútbol feminino español, e a do patrocinador, Ana Vidal. Na súa segunda tempada á fronte do banquiño vilagarcián Nando González asume a pelexa pola permanencia coma única meta realista tras perder dun plumazo o seu poderosísimo bloque ofensivo da pasada campaña, e non dar fichado o club un só reforzo alleo ao Atlético Arousana B.
-Primeiro exame da Liga: El Olivo, defensor do título e gran referente do fútbol feminino galego...
-Si, ben. En anos anteriores si, pero nesta tempada tornaron as cousas. Este verán houbo un gran trasvase de xogadoras do El Olivo ao Sárdoma, cinco que se lle foron ao Sporting de Braga... Só seguen dúas futbolistas. Sabemos que El Olivo non vai ter o potencial dos últimos anos. É unha incógnita para todos. Para nós, independentemente diso, está sendo un inicio complicado, porque se nos foron xogadoras importantes, e non fumos quen de traer reforzos dun nivel semellante.
-Perderon a pichichi da categoría, Belén, que deu o salto a Primeira no Valencia de Mari Paz Vilas tras marcar 34 goles a tempada pasada. Perderon a unha xogadora na órbita das seleccións españolas de categorías base coma Ari, que se foi con Nuri ao Deportivo. E a Miri e a Desi. A liña de ataque ao completo. Os reforzos chegan do equipo B. ¿Debemos agardar un notable baixón do nivel de xogo do equipo? ¿Avecíñanse problemas co gol?
-Sobre todo imos notalo na bagaxe ofensiva. As saídas ao ataque vanse ver mermadas. Pero imos tentar compensalo con máis traballo, e outro tipo de xogo. Tentaremos que esas rapazas que veñen de abaixo se vaian afacendo e curtindo na categoría, e que nos dean o que agardamos delas. Non o que nos ofrecían as que se foron, pero si que vaian pouco a pouco asumindo responsabilidade. O gol é unha das facetas nas que seguramente teñamos máis problemas. Teremos que buscar o gol doutra maneira. O equipo non poderá ter a alegría do ano pasado. Belén só hai unha.
-A tempada pasada o Atlético Arousana voltaba á Segunda División, e o que apuntaba a ano de transición rematou cun brillante cuarto posto. ¿Que podemos agardar do equipo este exercicio?
-A priori imos tentar loitar como o ano pasado pola permanencia. E ata aí podemos ler. Sobre todo polas dificultades que tivemos para completar o plantel. Imos seguir tentando fichar varias xogadores neste comezo de Liga.
-A metade máis un dos equipos do grupo son galegos. Pero falamos de dous menos cá Liga 2015/16, e non hai un só representante da Comunidade na Primeira División. ¿Cal cre que é a saúde do fútbol feminino autonómico?
-A saúde é boa. O que pasa é que por agora non se lle deu a seriedade que lle corresponde. E non só os clubs, senón tamén desde a comunidade das xogadoras. As futbolistas esfórzanse, sacrifícanse, pero non acaban de crelo. E a iso súmase que non hai un proxecto respaldado economicamente. Aparece o Deportivo, pero en vez de xogar na Cidade Deportiva, adestra e xoga nun concello limítrofe. Calidade e formación hai de sobra para ter un equipo galego en Primeira. Pero precísase un proxecto cun respaldo económico que permita o gran salto.