«Estanos chegando unha chuvia de ofertas de emprego»

m?.h. PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

EMILIO MOLDES

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Rodríguez, o orientador profesional da escola de hostalaría pontevedresa Carlos Oroza, é o enlace entre os empresarios que demandan persoal e os alumnos e antigos estudantes do centro. De feito, anda a facer unha estatística da inserción laboral dos mozos que pasan polas instalacións, aínda que a priori ten clara unha cousa: «Aquí todo o que acaba ten asegurado poder traballar na hostalaría».

-A tempada de verán está practicamente enriba, ¿os empresarios están recorrendo á escola para intentar buscar persoal?

-Pois si, estanos chegando unha chuvia de ofertas de emprego. Non teño contabilizado de momento se hai moitas máis que outros anos, pero a verdade é que nos están enviando bastantes.

-¿Son capaces de darlle resposta, aparecen traballadores para todos eses postos?

-A verdade é que non. Nós estámonos encargando de mover esas ofertas, sobre todo nas redes sociais, que é onde máis se fixan os alumnos e antigos estudantes, pero non está a haber moita resposta. Entendemos que é porque todos están traballando actualmente e non lles interesa.

-¿Para que postos son?

-Sobre todo para servizos, é dicir, camareiros, e para cociña, para distintos postos de cociña.

-¿E para qué sitios, para traballar nas Rías Baixas ou en máis lugares de Galicia?

-Chégannos moitas ofertas do Salnés, sobre todo de Sanxenxo, pero tamén doutras partes de Galicia. Hoxe mesmo recibimos peticións da Ribeira Sacra. Todos os días manteño contacto telefónico con varios hostaleiros, as peticións que recibimos son moitas. Pero, como xa dixen, non podemos darlle demasiada resposta, porque non temos candidatos para os postos.