O xuvenil Carlos Torrado deu o domingo outro paso adiante na súa consolidación no Arousa de Jorge Otero co seu tanto bautismal na Terceira
11 abr 2018 . Actualizado a las 14:30 h.Saltara ao campo no minuto 61 de partido en substitución dun Fran Matos nun pouco usual rol de interior. O adestrador do Arousa, Jorge Otero, apostara por el, un xuvenil, por diante de Yerai, para buscar esa nova volta de porca coa que axustar a maquinaria arlequinada, a fin de asegurar a vantaxe no marcador fronte a un Cultural Areas que, tal e como se previra, estaba a poñerlle as cousas moi difíciles ao cadro vilagarcián tirando do seu pequeno campo como aliado. A un minuto da conclusión do tempo regulamentario Julio Rey sacaba do seu inesgotable repertorio de trucos de maxia un centro de fondo en contragolpe para Javi Pazos, que deixou pasar o balón no primeiro pau atraendo a defensa local ao ver chegar do outro lado o noso protagonista, o canteirán Carlos Torrado. «Tiven que controlar primeiro o balón, e ver onde estaba o porteiro. Mirei para o lado do seu pau, e tirei polo contrario para enganalo», rememoraba onte o autor do 1-3 en Ponteareas, que co primeiro tanto da súa inda curta carreira na Terceira aseguráballe ao Arousa 3 puntos que o reforzan como candidato a unha das prazas galegas na vindeira fase de ascenso a Segunda B.
«Para min foi unha alegría poder marcar en Terceira División», declara Torrado (9/IV/1999). Un xogador iniciado no balompé con 5 anos no equipo da súa parroquia, o San Miguel de Deiro, e un inglés da capital arousá máis tras ser fichado no seu primeiro ano infantil polo hoxe coordinador deportivo do club arlequinado, Eduardo Carregal. O propio Carregal, Víctor Cochón, Adrián Camiño, Luis Carro e Celso Couso foron os seus sucesivos mentores na canteira arousista, que lle permitiu competir nas máximas categorías do fútbol base agás a División de Honra Xuvenil.
Tres ou catro adestramentos puntuais no seu primeiro ano de xuvenil foi a antesala do paso de Carlos Torrado á dinámica do primeiro cadro a tempada pasada, adestrando de luns a xoves baixo as ordes de Jorge Otero, e pechando a semana traballando os venres cos seus compañeiros do equipo de formación. Sumando 200 minutos na Liga de Terceira. Este ano, mediada a primeira volta, o interior pasou a converterse nun máis no vestiario da Lomba, acaparado por Otero. A falta de seis xornadas para a conclusión do campionato regular xa acumula 314 minutos, repartidos entre tres titularidades e media ducia de partidos saíndo desde o banco, cun total de once convocatorias en Liga.
A tempada pasada Carlos xa marcara o seu primeiro gol oficial co primeiro equipo do Arousa, en partido da Copa Federación contra o Cerceda, lembra. Pero «sóubome mellor o da liga», di, consciente do seu valor: «Con 1-2 o Areas estaba tamén atacando, e se marcaban empataban».
O tanto valeulle os parabéns de todos os seus compañeiros e do corpo técnico, e o mellor que lle pode dicir un adestrador a un xogador da súa idade nun vestiario como o do Arousa: «Jorge Otero díxome que hai que seguir así».
Ambidextro, que igual se move por ambas as bandas como polo lateral dereito, Torrado fala por boca dun deportista paciente e solidario. «Sorprendeume que Jorge Otero contase comigo así esta tempada», na que, ao contrario cá anterior, non entrou nos plans do seleccionador galego xuvenil. «Hai xogadores moito mellores no cadro; e eu inda son xuvenil», conta o canteirán, para continuar apuntando que «a base de traballo e de esforzo, todo se consegue». A base diso e de saber escoitar: «Estou moi contento con Jorge Otero e cos compañeiros, todos os días me apoian e me aconsellan». E el, que confesa preferir a sinatura dunha asistencia á dun gol, afirma que hoxe «só penso en darlle o mellor de min ao equipo». O futuro é para os pacientes.