Veloso renova cun W52-F.C. Porto que tramita o seu salto á segunda categoría profesional mundial
AROUSA
O gañador da Volta a Cataluña e dunha etapa da Vuelta a España confía en poder volver correr probas do circuito UCI ProTour. Retirarse ao pé do canón nunha gran rolda «sería un soño»
06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Gustavo César Veloso (29-I-1980) cumprirá no 2019 os 39 correndo no mesmo equipo co que competíu no pelotón profesional nos seis últimos anos. O de Bamio confirmou onte a súa renovación co W52-F.C. Porto. O nome deportivo do seu club, o Vintage Pódio, que no 2016 herdou a totalidade da estrutura do Unión Ciclista Sobrado co que no 2013 rozara a vitoria na xeral da Volta a Portugal, finalmente a mans do seu amigo e entón tamén compañeiro Álex Marque, para conquistar as dúas seguintes edicións da Grandíssima. Lugartenente de luxo na rolda lusa de Rui Vinhas, no 2016, e do alacantino Raúl Alarcón, os dous últimos anos, Veloso asinou unha tempada máis por varias razóns. E entre elas, a posibilidade de volver correr grandes carreiras do calendario UCI ProTour.
O club do vilagarcián solicitou á Unión Ciclista Internacional licenza profesional continental. Isto é, subir un chanzo, desde a terceira á segunda das categorías do ciclismo profesional. Unha petición por cuxa resposta deberá agardar inda varias semanas, ata o anuncio pola UCI do seu listado final de escadras para o 2019.
Ao respecto, o de Bamio declarábase onte francamente optimista sobre as opcións do W52-F.C. Porto de poder obter a licenza profesional continental: «Vai bastante en serio. É un dos propios patrocinadores do club, o W52, o que impulsa a solicitude da nova licenza, co Porto de acordo; que sexan os patrocinadores os que o fagan é un paso importante». Sobre todo, porque a clave para conseguir a licenza, conta Veloso, é fundamentalmente unha cuestión de cartos. De pagar o que pide a UCI, uns 20.000 euros, a presentación dun aval bancario e os contratos de esponsorización cos patrocinadores do equipo, ou comezar a asumir desde xa as esixencias económicas en materia de recursos humanos derivadas do salto de nivel, como a presentación en datas próximas dos contratos asinados con alomenos doce dos dezaseis ciclistas cos que deberá contar no seu plantel -os equipos continentais deben dispor dunha ducia de corredores-.
«Solicitar a licenza profesional continental tamén pesou na miña decisión de renovar», sinala Veloso, que puxo por diante o coñecemento da estrutura e a forma de traballo do equipo, e o seu bo ambiente humano -«o club quere manter a práctica totalidade dos compañeiros, incluído Ángel (Sánchez)»- como razóns para continur a súa relación outro ano.
E con Alarcón gañando as dúas últimas edicións da Volta a Portugal, ¿cal será o rol de Gustavo César? Volverá ser, di, «o nexo do equipo co director deportivo na estrada. Son o líder. O que toma as decisións en carreira. E en función do meu rendemento, pelexar pola vitoria, ou traballar para un compañeiro como nesta Volta».
Retirarse ao pé do canón nunha gran rolda «sería un soño»
París-Niza, Tirreno-Adriático, Volta a Cataluña e Euskadi, as grandes clásicas de Bélxica e de Holanda, ou as tres grandes. A licenza profesional continental abre a posibilidade de recibir unha invitación para calquera das preto de 40 carreiras do UCI World Tour, ás que só teñen dereito sen filtro os equipos da máxima categoría profesional mundial. Un profesional continental podería participar sen necesidade de invitación nas probas HC, como a Volta a Burgos, un chanzo por baixo das UCI ProTour. Veloso confesa que «correr dentro dun par de anos unha volta grande e deixar a bici despois sería un soño feito realidade».