«Os amigos no ciberespacio non existen, idiota», reflexiona o autor
16 abr 2019 . Actualizado a las 16:55 h.O pasado 12 de marzo a World Wide Web cumpriu trinta anos. No 1989 Sir Tim Berners-Lee, daquela investigador no CERN, propuxo un sistema de xestión da información que dou lugar á comunicación informática cliente-servidor. Nestes días ese pioneiro enviou un comunicado falando do moito que aínda queda por facer por Internet, que, como di, é «unha praza pública, unha biblioteca, un consultorio médico, unha tenda, unha escola, un estudio de deseño, unha oficina, un cine, un banco e moito mais», pero tamén advirte que «con cada nova función, cada novo sitio web, aumenta a brecha entre os que están conectados e os que non». Pide que a web chegue a todos e que se considere o acceso a ela un dereito humano. Advirte que hai que evitar as moitas ameazas: serve para propagar odio e cometer delitos, distribuír información falsa ou promover negocios só baseados na publicidade. Remata indicando que «a web é para todos e colectivamente temos o poder para cambiala. Non será doado. Pero se soñamos un pouco e traballamos moito, podemos obter a web que desexamos». O seu discurso nada ten que ver coas artimañas comerciais das redes sociais. Efectivamente, hai que crear o dereito universal a acceder á web, pero tamén redefinir as chamadas redes sociais de uso masivo, que, ben usadas, puideran ser útiles pero están a provocar efectos perniciosos. Odio as redes sociais. Por detestar, ata abomino do móbil e da súa cultureta. Si, desprezo o Facebook, o Twitter, o Whatsapp, o Instagram porque destrúen o xeito humano de relacionarse só por gañaren cartos; e instauraren a cultura do simple e do inmediato, que é un xeito de matar o raciocinio. Na publicación médica Adicciones, un equipo encabezado por Isabel Polo constata que estes xeitos de comunicación, creo que non deberían chamarlle comunicación, «desprazaron os espazos de socialización tradicionais por espazos virtuais». Ou sexa, crearon lugares de relación entre as persoas artificiosos, falsos. Como diría o famoso mosso de esquadra: «Os amigos no ciberespacio non existen, idiota». Eu téñolle manía insalvable, patolóxica, a todas elas. Con facer unha conta e dar unha volta polo Facebook disque xurdirán centos de amigos; só cun click. Que doado! E logo, digo eu, que significará amigo aí, porque na vida real sonche contados. Pero é que, fixándose nese sitio, todos son guapísimos, listísimos, xeniais. Cadaquén edita a súa particular revista do corazón e exhibe unha vida marabillosa, sen rubor i expondo sentimentos que deberían quedar na intimidade. Alí todos os indocumentados ofrecen solucións para os problemas mundiais; iso si, expostas cunhas faltas de ortografía aterradoras; e tantas veces con críticas feroces, bestiais, acerbas. Imperan a artificialidade, o engano, a fachenda, a simpleza. Sería bo darlle unha volta a todo isto, volver ás bibliotecas; falar en persoa cos matices da comunicación directa; dar a man, sentir o tacto, percibir os xestos faciais, a calor, os olores e citarse nas prazas, nas rúas ou nunha cafetería, cara a cara. E, sempre de entrada, dar por feito que as simplezas que se expoñen en cento cincuenta carácteres son idioteces.