Carta a don Francisco Javier «Patxi» López

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

21 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Señor presidente da Comisión de Reconstrución Social e Económica tras a crise do covid-19: neste transo sociosanitario o Goberno central, desbordado, utilizou a munición máis potente, polo tanto a máis lesiva, acudindo á declaración de estado de alarma, centralizando e arrastrando á ruína a miles de pequenos comerciantes. Non sei se foron sacrificios necesarios, non o cuestiono. É posible que as causas que o levaron a seguir ese camiño non foran ser xacobino, centralista, nin ter ansias ditatoriais, porque un día si e o outro tamén foi rectificando e adaptándose ás propostas da periferia.

A declaración do estado de alarma alimentouse tanto da tardanza en reaccionar como da virulencia e da universalización da peste, pero tamén dunha procrastinación previa, da que vostede foi partícipe pola súa traxectoria desde 1987 como deputado e noutros cargos: a da actualización da lexislación aplicable. Por causa dese abandono anterior viuse que o corpo xurídico sanitario actual estaba obsoleto para esta pandemia colectiva: a Lei Xeral de Sanidade cumpriu o pasado 25 de abril trinta e cinco anos, parcheada, sen adecuarse ás ameazas que nos veñen desafiando. A Lei Orgánica de Medidas especiais en materia de saúde pública, o mesmo. A Lei Xeral de Saúde Pública só valeu para recoñecer ao Ministerio de Sanidade como autoridade estatal. E a Lei de Saúde de Galicia resulta mimética ás estatais.

Durante as últimas tres décadas o aparato do Estado e os sucesivos lexisladores, centrais e autonómicos, vostede un deles, estiveron cegos ante a necesidade de adaptar esa normativa aos retos da globalización, a pesar das serias advertencias de sucesivas pandemias mundiais que veñen afectando aos humanos. Se se acometese esa reforma en tempo, teriamos un plan para esta peste e estaría regulamentado un xeito coordinado de actuar , sen ter que acudir a ocorrencias centralizadoras e indiscriminadas. Pero Lexislativos e Executivos taparon os ollos aos avisos e deixáronse ir, vostede tamén, como se nunca fose pasar nada no noso paraíso. E iso que xa o advertía, profeticamente, a exposición de motivos da Lei Xeral de Sanidade en 1986: «É, en efecto, un dato histórico facilmente verificable que as respostas públicas ao reto que en cada momento supuxo a atención aos problemas de saúde da colectividade foron sempre á zaga da evolución das necesidades, sen conseguir nunca alcanzalas, de modo que se converteu nunha constante entre nós a inadaptación das estruturas sanitarias ás necesidades de cada época».

Un dos eixes da lexislación sanitaria, como vostede sabe, é regular a sanidade desde os dereitos individuais, non desde os colectivos, porque se estancou na protección da saúde individual case esquecéndose de previr a colectiva. O lexislador, vostede tamén durante moitos destes anos, non foi capaz de acompasala aos perigos que nos atacan como grupo. Non foi responsabilidade do cidadán, ese que agora ve restrinxidos os seus dereitos, paga con morte e ruína e queda reducido a fría estatística. Confiaremos en vostede ou deixará que se siga a procrastinar de novo?