Hermida rebate a violencia asociada ao seu deporte, que converteu nunha ferramenta social
20 jul 2020 . Actualizado a las 16:26 h.A vida de Johnny Hermida é unha sucesión de aterraxes. Con 11 anos pisaba as terras ourensás do Alto do Paraño, seguindo o camiño de volta dos seus pais desde Maracay, Venezuela. Un mal salto marcaba tempo despois o inicio do fin da súa breve carreira coma paracaidista do exército español, co seu xeonllo esquerdo amortiguando no chan un fallo no equipo que a piques estivo de custarlle a vida. Xiros do destino que levaron o galego á Garda Civil e a novas paradas que o foron encamiñando cara ao Club Boxeo Arousa, gozando antes dunha efémera e proveitosa carreira nos cuadriláteros.
Tras probar o karate en Venezuela, Johnny entrou en contacto co full contact e co hapkido no Carballiño antes de enrolarse como profesional no exército con 17 anos. Con base en Madrid, comezou practicar kick boxing e boxeo en clubs e academias fóra do cuartel. Ata que en 1991 «nun salto o paracaídas non se me abríu ata o pouco de chegar ao chan. Case me mato». As consecuencias, a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo e mais unha hernia cervical.
Hermida non tardou en sacar a oposición á Garda Civil, pasando os seus primeiros anos entre San Sebastián e Pamplona. Foi nese tempo «cando empecei adestrar forte», ampliando os seus coñecementos e a súa técnica no kick boxing e aprendendo tamén a boxear. E pelexando. Cando tivo que poñer punto final á súa carreira, tras os seus 37 combates de kick boxing -nunca protagonizou unha pelexa oficial de boxeo- aparecían «tres títulos de campión de Euskal Herria». E nada menos cunha medalla de prata nuns Xogos do Mediterráneo. A de peso pesado en savate -modalidade francesa de boxeo- na edición de 1999, disputada en Marsella. «Perdín a final a puntos cun francés», lembra.
Johnny competiu catro tempadas a finais dos 90. Sacaba todo o tempo libre que lle deixaba a súa ocupación de Garda Civil para a esixente posta a punto que, subliña, require a preparación de calquera combate nun ring, mesmo amateur. Tal era a súa paixón que «desde o accidente me sometín a sete operacións no xeonllo para poder seguir competindo». Ata que á articulación se lle uniu o grito de alerta da hernia: «Perdín a forza na man esquerda. O meu médico na mutua, o daquela traumatólogo da Real Sociedade díxome ‘¿Vives disto? Pois entón esquécete’. Estiven bastante fastidiado uns meses por telo que deixar».
Pouco despois chegoulle o seu primeiro destino en Galicia. Na Rúa. «Comecei dar clases nun ximnasio do Barco. Daquela xa era cinturón negro de kick boxing e tiña o título de adestrador». Tras un traslado intermedio a Navarra, no 2005 o galego vivíu a súa última grande aterraxe vital, destinado a Vilagarcía, onde acabou completando 22 anos na Benemérita.
«Cando me vin para Vilagarcía adestraba no ximnasio da piscina. Había un saco de boxeo e a xente víame cando ía facer pesas. Algúns empezaron a dicirme que se tivera un sitio e un horario para que os adestrase... E pregunteille ao dono do ximnasio Master Gym se me podía alugar unha sala».
O éxito das súas clases de boxeo foi tal que a sala se lle quedou pequena «e pronto me tiven que montar pola miña conta». Pouco antes, e a fin de «legalizar a miña situación fun á Federación Galega de Boxeo e de Kick Boxing, acabei de sacar todas as titulacións e inscribín o club, sen ánimo de lucro». Era o 2009.
Hoxe o Club Boxeo Arousa conta con rapaces de 14 anos ata algún xubilado, e practicantes de moi distinto perfil, relata o seu presidente e adestrador. «Pola escola se cadra terán pasado máis de 1.000 persoas. Chegan, botan 2-3 meses, marchan, volven vir. Non poden ser constantes, polo traballo ou polos estudos, e o boxeo é moi duro, moi duro para os que preparan unha pelexa, inda que sexa amateur. Eu son moi esixente, e quen quere preparar unha como mínimo debería levar un par de anos formándose e uns 3 meses específicos, con adestramentos 4 horas ao día».
Con todo, Johnny, que o ano pasado gozou do título galego Sub-16 en menos de 64 quilos do seu pupilo Óscar Bermúdez, pon por diante a faceta social do seu club. Son minoría os alumnos que se preparan para pelexar e maioría os que practican individualmente; todos, parte do «grupo de amigos» como define Hermida o C.B. Arousa. «Unha ONG» dinlle algúns. Unha comunidade que traballa por unir cada día, con mecánicas como «cando preparamos a alguén para unha pelexa, implico a toda a escola. Axúdanlle a poñer as manoplas, motívano...».
Poucos poderán dicir que pola porta do seu club teñen pasado «moitas mulleres que viñan traer os seus fillos, e ao final non seguía o rapaz e quedaba a nai». Será porque Hermida descobre a quen se achega á súa escola que «o boxeo non é un deporte violento». Ou porque quen aprende con el entende que «ás veces é máis perigosa a xente que non sabe boxear que a que si, fan ou fanse máis dano». Será quizais porque «boxear é como conducir, unha vez que aprendes, cando sobes ao ring os movementos flúen sós, como un baile». Como a música. Idiomas universais para quenes se queren entender.
O perfil
- Persoal: Johnny Hermida López (Maracay, Venezuela, 11/IX/1971) foi paracaidista do exército español tres anos, ata que un accidente grave o levou a reorientar a súa carreira militar cara a Garda Civil. Na Benemérita servíu 22 anos entre Euskadi, Navarra e Galicia, con Vilagarcía como último destino, xubilándose hai cinco anos.
- Deportivo. As súas ocupacións laborais deixáronlle pouco tempo para competir, apenas catro anos. Suficientes para facerse con tres títulos de campión de Eukal Herria de Kick Boxing e para colgarse a prata nos Xogos do Mediterráneo de 1999 de Marsella no peso pesado de savate, deporte francés semellante ao kick boxing.