Da solidariedade entre humanos

X.A. Ochoa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Luigi Ferrajoli di que a difusión do coronavirus puxo de manifesto a necesidade e a urxencia de dar vida a unha esfera pública planetaria

27 sep 2020 . Actualizado a las 20:59 h.

Fai quince días titulei esta columna Da Constitución da Terra (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2020/09/13/da-constitucion-da-terra/0003_202009A13C7991.htm)  para falar do movemento iniciado por Luigi Ferrajoli, na busca de superar as institucións nacionais ante problemas globais e que avoga tamén por un dominio público planetario para auga, aire, glaciares e bosques. Este pensador ostenta unha longa traxectoria profesional práctica —exerceu como xuíz— e teórica, —profesor con múltiples achegas doutrinais—. Lin nestes días unha breve análise súa titulada Leccións da pandemia que, aínda referida a Italia, pódese aplicar a calquera parte do mundo. Afirma que «a difusión do coronavirus puxo de manifesto, do xeito máis intenso e dramático, a necesidade e a urxencia de dar vida a unha esfera pública planetaria». Defende que a peste fixo visible e intolerable a ausencia de institucións mundiais que garantan a salvagarda dos dereitos humanos. Dinos que desta pandemia hai que extraer dúas consecuencias, unha referida á vital importancia do servizo público da sanidade, que tamén defendín aquí (. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2020/04/01/reforzar-publico/0003_202004A1C2997.htm). Escribe: «Logo de anos de devaluación neoliberal, de xeito sorpresivo, a crise sanitaria e a crise económica producidas por esta pandemia fixeron descubrir o valor esencial e insubstituíble do público, do que todos, a comezar polos neoliberais antiestatalistas, pretenden literalmente todo: tratamentos médicos de balde e ríos de diñeiro, salvamento de vidas e salvamento de empresas, prevención dos contaxios e recuperación económica. Máis que nada, a pandemia fixo patente o inestimable valor da sanidade pública, de balde e accesible para todos, en actuación do dereito universal á saúde previsto no artigo 32 da Constitución italiana». Na Constitución española recoñécese ese mesmo dereito á protección da saúde. Este autor fai un paralelismo demoledor entre as disposicións que se adoptan para evitar guerras, como simulacións de ataques e técnicas de defensa e gastos en armas, carros de combate, mísiles nucleares e investigacións bélicas. E, en contraste, resalta que o coronavirus descubriu a ausencia de medidas para facer fronte aos contaxios da xente: escaseza de camas hospitalarias e de unidades de terapia intensiva, insuficiencia de persoal sanitario e deficiente organización da asistencia territorial e domiciliaria. A segunda consecuencia descríbea razoando que unha pandemia global, que non distingue fronteiras, tiña que recibir unha resposta planetaria a través dunha institución universal de garantía, que non está a cumprir a ineficaz OMS. Esa ausencia provoca que cada Estado dite estratexias diferentes. Afirma que «é posible que a pandemia do coronavirus, ao golpear a todo o xénero humano sen distinción de nacionalidades, xere a conciencia común da necesidade do movemento ‘Constituínte da Terra’, para construírmos unha esfera pública e un constitucionalismo global capaces de garantir a saúde de tódolos seres humanos e apto para afrontar os desafíos e emerxencias globais que concirnen a toda a Humanidade». Busca algo que é elemental: Solidariedade entre os humanos.