Gremlins, Critters e Ghoulies asaltarán Vilagarcía en outubro na máquina do tempo do Curtas
AROUSA
O Festival do Imaxinario converte as tres criaturas máis cómicas e terroríficas do cinema dos 80 nas estrelas da súa nova edición
06 oct 2021 . Actualizado a las 19:38 h.Se vostede é dos que aprenderon de rapaces que non deben darlle de comer á súa mascota despois da medianoite, que se ven unha bola de lume caendo a terra o máis intelixente é botar a correr lonxe dela e que antes de ir á cama convén tirar a fondo da cisterna do váter para levar auga abaixo todo tipo de malos bichos, vostede está preparado para gozar o vindeiro mes de outubro da invasión á que Vilagarcía será sometida por tres das criaturas máis terroríficas e cómicas ideadas polo cinema estadounidense máis gamberro de finais do Século XX. Gremlins, Critters e Ghoulies serán este ano os personaxes estrela da edición do Curtas Festival do Imaxinario. A cita, do 22 ao 31 de outubro, con formato presencial e novamente con entrada gratuíta.
Tras o paso dos grandes superheroes da Marvel, dos mundos do Señor dos Aneis, de Star Wars, de Xogo de Tronos ou de Harry Potter, e logo da parada da Nostromo e da tenente Ripley na súa guerra pola supervivencia fronte aos Aliens, o 49º. Curtas Festival do Imaxinario volverá a dar un salto no tempo a ese momento da historia do cinema do que tanto bebe e que tan feliz fai a aqueles nenos hoxe convertidos en adultos nostálxicos. Tamén aos rapaces de hoxe que poidan descubrir as vellas fantasías dos seus maiores contadas co acento da ilusión.
Desde a organización do festival prefiren gardar para máis adiante a forma na que chegarán a Vilagarcía a malvada descendencia daquel lindo e bondadoso mogwai de nome Guizmo, os alieníxenas con forma de bola de espiñas e famentas bocas afiadas ou os demos verdes capaces de colarse por calquera recuncho dunha casa para poñer en apuros o máis afouto. Pero si desvelou o Curtas o cartel oficial da próxima edición.
A cargo do ilustrador arxentino Flavio Greco Paglia, no póster vese o pobre Guizmo fuxir de gremlins, critters e ghoulies. Faino polo pantalán do porto deportivo de Vilagarcía, nun cartel no que se recollen varias alusións á capital arousá, como unha táboa de surf portada por un gremlin coas cores amarela e vermella da bandeira da localidade.
«Cuando Curtas me invitó a realizar la imagen para este año, pensé que tenía que ser divertida, sentirse honesta con los personajes y su carácter y aprovechar la localización en favor de la narración», conta Greco, artista dos carteis de Blood Window, o mercado de cine fantástico de Arxentina, ademais dos de películas como Nightmare Radio, Deathcember ou Gloomy Eyes.
Luis Miguel Rosales, director do Curtas, explicou pola súa banda a intención do festival respecto á imaxe de cabeceira da súa vindeira edición: «Queríamos que la imagen evocase aquellas carátulas de las películas de videoclub que tantas horas de diversión nos aportaron a los fans del género en los 80. Y que a la vez funcionase como una invitación a disfrutar de esta fiesta del fantástico que es Curtas». Do 22 ao 31 de outubro. Apuntado queda na axenda.
O dúo norteamericano Dance with the Dead ponlle a banda sonora ao certame
Ademais do cartel, arriba reproducido, o Curtas Festival do Imaxinario quere comezar a poñer sobre aviso aos afeccionados da súa vindeira edición cunha versión animada do póster. Esta última conta coa música de Dance with the Dead, dúo norteamericano punteiro do synthwave e centrado no cinema de terror, que servirá tamén de banda sonora do festival vilagarcián durante a súa celebración.