Marta Felpeto: «Vin a chegada de Teresa Portela e non entendía as caras que vía fóra da auga»
AROUSA
A catoirense relata a súa primeira experiencia coma xuíza de piragüismo nuns Xogos Olímpicos
15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A catoirense Marta Felpeto Lamas (1976) gozou este mes do maior recoñecemento que unha xuíza de piragüismo pode recibir pola súa traxectoria. Logo de 20 anos observando o respecto estrito ás normas en probas de augas tranquilas, en Toquio participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos. No seu caso, facendo labores de control de calquera incidencia na liña de meta desde a torre de control da canle Sea Forest da baía da capital nipona. Análises de posibles envorcaduras, saltos das liñas de separación das rúas... Labores entre as que non figuraba a xestión da foto finish, da que houbo que tirar na segunda xornada do programa para dar acceso a Teresa Portela á final do K1 200, empatada con outra rival no cuarto mellor tempo da súa semifinal, cando só había de inicio catro pasaportes para a regata polo título.
Nesta última é onde Felpeto viviu a súa experiencia máis intensa en Toquio: «Foi incrible! Estar alí en directo a ver a prata de Teresa Portela. Vin a chegada desde a torre de meta e claramente que Teresa chegaba segunda. E ao mesmo tempo vexo a David -Mascato, home de Portela, presente nos Xogos en calidade de fisioterapeuta do equipo nacional- taparse a cara e non entendía nada. Logo entendín que pasara, que durante uns segundos non aparecía o nome de Teresa na pantalla dos resultados», planeando o medo á repetición do infausto desenlace de Londres 2012 -cuarta-.
Felpeto lembra perfectamente ver tamén «a Antía -Jácome- pletórica polo seu quinto posto na final. Víaselle o sorriso a un quilómetro. E as caras de alegría dos rapaces do K4». Todo, desde o outro lado do cristal, sen poder interactuar con eles, atada á súa zona de traballo durante as regatas e a estar todos os xuíces aloxados nun hotel fóra da vila olímpica.
No debe dos Xogos da arousá, non poder saír do hotel máis de 15 minutos ao día, e só á entrada: «Era pista-hotel, hotel-pista. Non interactuaba con ninguén fóra da burbulla dos xuíces». Con todo, «foi unha experiencia inolvidable», di, e coa satisfacción de que «pasamos desapercibidos».