Vicente Feijoo Ares nun estudio de fai uns anos ofrécenos unhas cifras realmente esmagadores para amosar a importancia da toponimia en Galicia. Resalta que aquí aparecen no Nomenclátor 37.305 topónimos de entidades de poboación, que xunto cos 3.789 de parroquias e os 303 de municipios supoñen o 35% de todos os do Estado, cando Galicia só ocupa o 6% do territorio. Pero o realmente impresionante está na microtoponimia: Filgueira Valverde falaba de tres millóns de topónimos, aínda que expertos actuais rebáixanos á metade e engaden uns cincocentos mil talasónimos, entre a liña de costa e unhas dúas millas cara ao mar. Non é de extrañar que a Real Academia Galega matinase en pedir a declaración da microtoponimia como Patrimonio da Humanidade. Mais os cambios nos xeitos de vida están a producir o esquecemento desa riqueza histórica, lingüística e xeográfica xa que a economía, cada vez máis urbana, fuxe da agricultura e non precisa coñecer como se chama cada lugar; nas cidades as novas denominacións de rúas e polígonos atúen a toponimia tradicional; no mar o GPS permite navegar sen necesidade de marcas nin de ningún nome propio.
Nesta situación a microtoponimia só está a quedar gravada na memoria dos maiores e vai desaparecendo con eles. Este proceso destrutivo está a ocorrer cando, por primeira vez na Historia, a toponimia está protexida universal, estatal e autonomicamente. A Resolución 4 da IX Conferencia das Nacións Unidas sobre Normalización dos Nomes Xeográficos do 2007 di que «os topónimos forman parte do Patrimonio Cultural Intanxible por constituíren unha parte importante das linguas e conservaren formas que evidencian a súa evolución e son valioso testemuño da historia e xeitos de vida pasados ou actuais». Na ONU constituíuse o Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos (UNGEGN) que urxe ás Administracións a que fagan inventarios seguindo os criterios da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial e que elaboren programas de protección e promoción. A lei estatal 10/2015 para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial considera á toponimia tradicional como integrante do patrimonio cultural inmaterial e, no mesmo sentido, a lei autonómica 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, obriga á Xunta e a outras institucións a preservala, afirmando, nin máis nin menos, que se «considera un valor identitario da Comunidade Autónoma». Ademais a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística establece que a forma galega dos topónimos é a única oficial. Única oficial. Por mandato desta normativa a Xunta, colaborando coa Real Academia Galega, está a facer unha recompilación de topónimos e microtopónimos, incluso con aplicacións colaborativas on line —a app Galicia Nomeada ou a web https://www.xunta.gal/nomenclator— nas que pode participar calquera cidadán.
Na nosa comarca, nese conxunto de accións, está anunciada en Meaño, un dos municipios do Salnés con mellor sinalización de núcleos, para o vindeiro 19 de novembro, unha proxección simultánea no Instituto, no colexio As Covas, na Casa da Cultura de Dena e na CeMIT dunha intervención do citado experto Vicente Feijoo e do académico Gonzalo Navaza. A carón deste esforzo cultural seguen a existir actitudes cavernícolas tendentes a deturpar os topónimos, como as de sectores a monte da política ou, incriblemente, da Real Academia Española que, nalgúns casos, recomendou formas corruptas, non oficiais, inxustificables, como Sangenjo, La Coruña ou Mugía. Especialmente triste foi o sucedido durante a celebración do chamado Foro La Toja -nome paifoco que reflicte o peor do racismo lingüístico-, que é como se denomina un evento, a modo de coloquio de próceres con disfrace de pensadores, quizá subvencionado e parece que anual. A represión duns manifestantes que tentaban protexer o topónimo A Toxa como patrimonio cultural inmaterial, declarado pola ONU e polas leis que citamos é imposible de entender. O mundo ao revés. Esa coerción foi unha decisión ofensiva alimentada de incultura, de desprezo e falta de respecto a unha mostra da nosa identidade, que é como a lei describe á toponimia. Non estaría de máis que mandasen para a súa casiña a quen tomou tal determinación por atentar contra mandatos legais, por aldraxarnos e, particularmente, por ignorante.