A Fundación Manolo Paz recibe a muller que mellor soubo interpretar «Negra Sombra» cunha proposta de elevada temperatura cultural
12 ago 2022 . Actualizado a las 05:05 h.A de hoxe non é unha xornada máis na desembocadura do Umia. Esta é a data escollida pola Fundación Manolo Paz para desenvolver as súas sétimas xornadas, que conceden o papel principal a unha figura da talla de Luz Casal. A cantante de Boimorto, que comezou facendo coros con Leño para rematar transcendendo xéneros a golpes de personalidade, recibe o recoñecemento da entidade pilotada polo escultor arousán na súa espectacular sé de Castrelo, en Cambados.
Satisfaga ou non Manolo Paz o seu arelo de escoitar a voz de Casal na súa casa, a fundación programou un contexto de elevada temperatura artística para recibir a muller que mellor soubo interpretar a Rosalía de Negra Sombra. Ás dúas menos cuarto, a obra de Sandra Baia ocupará o estudo interior e unha parte dos amplos xardíns da finca de Castrelo coa mostra Finger Print. E ás cinco e media, Paula Quintáns e Nacho Muñoz desenvolven unha performance de danza contemporánea e música en directo baixo a dirección de Rut Balbís.
O que a organización pon sobre a mesa para os últimos compases da xornada é unha poderosa combinación de talentos. Chámase Proxecto X e pivota sobre a voz de Mónica de Nut, o baixo de Paco Charlín, a guitarra de Virxilio da Silva, a batería de Max Gómez e o trombón de Héctor Sartal. «Basicamente propoñemos unha fusión entre jazz, rock e hip hop», explica Charlín, quen precisa que a música se pon ao servizo dos poemas de diferentes autores, na súa maioría galegos, sen desbotar a obra de xente coma Charles Bukowski. Os versos de Xela Arias, Moncho Iglesias, Florencio Delgado, centro este ano do Día das Letras, Iolanda Zúñiga e Arancha Nogueira encárnanse no recitar de Mónica de Nut sobre unha base musical composta expresamente para cada unha das pezas. A experiencia, denominada O Son das Palabras con precisión de reloxeiro, ten vocación de continuidade e vestiu xa a entrega dos premios María Casares. Pero será complicado que acade unha mellor simbiose co seu contexto cá que hoxe lle ofrecerá a arquitectura de arte no espazo na que a Fundación Manolo Paz atopa o seu sentido.