O EncestaRías traballa para que á terceira sexa a vencida co FC Barcelona ou o Real Madrid
AROUSA
A organización tentará levar a bo porto o ano que vén os contactos que mantén abertos desde o 2020 cos dous grandes
15 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Camiño xa da semana desde a conclusión da sétima edición do Torneo EncestaRías, os seus organizadores continuaban onte pechando flancos da loxística de cara a poder dar por definitivamente concluído o torneo. Unha cita asentada por méritos propios no calendario de boa parte dos equipos da Liga Endesa (ACB), a segunda mellor competición nacional de clubs de baloncesto do planeta, representada no último cartel vilagarcián polo Coosur Real Betis, anfitrión a vindeira semana da Supercopa Endesa, o UCAM Murcia e un Monbus Obradoiro por primeira vez campión no parqué de Fontecarmoa, nun cuadrangular completado polo EWE Basket da Bundesliga de Alemaña. As caras de satisfacción entre quenes se movían na cancha e os centos de afeccionados que ateigaban as gradas levan a pensar que máis se pode pedir nunha localidade de menos de 38.000 habitantes. Ver materializado un dos grandes anhelos dos responsables do EncestaRías ofrece a resposta.
«Sempre imos tentar traer o Barça ou o Real Madrid. Levamos un par de anos en conversas serias», sinala Iván Villar, director do torneo arousán á par de Diego Doval. Pero diferentes circunstancias, e a pandemia non foi a menor, non o permitiron ata o momento. «É un pouco o que nos falta», declara Villar ao tempo que reitera o compromiso da organización co seu empeño por traer os dous grandes de España, integrantes da aristocracia do baloncesto de clubs FIBA.
O certo é que tanto a traxectoria do EncestaRías como a grande imaxe ofrecida a semana pasada polo torneo non fan máis ca reforzar as bazas coas que Villar e Doval volverán tentar convencer os responsables da planificación e da dirección deportiva do Real Madrid e do FC Barcelona de que xogar en Vilagarcía na antesala da Supercopa Endesa é unha moi boa idea, tamén para os seus intereses. As impresións e os números así o din.
Empezando polos últimos, desde o EncestaRías calculan uns 850 espectadores de media nos catro partidos dos pasados venres e sábado, cando o pavillón número 1 de Fontecarmoa conta cunhas 900 butacas, ás que se lles sumaron 50 sillas a pé de pista na gran final entre o Obradoiro e o Coosur Real Betis. Números parellos aos das edicións do 2018 e do 2019, nos que o campionato collera xa velocidade de cruceiro. No 2020 a pandemia fixo imposible a cita e no 2021 as restricións sanitarias minguaron o aforo máximo de Fontecarmoa ata tan só 250 entradas. E a todo o anterior, sinala Iván Villar, súmanse a excelente resposta da venda online e a mellor entrada da historia nun partido inaugural do EncestaRías, o de menor tirón, por canto o único representante galego co que soe contar se reserva para o segundo encontro.
Seguindo cos números, a primeira hora da tarde de onte as visualizacións en internet dos catro partidos da sétima edición roldaban as 10.000. Son 5.000 menos cá na edición anterior, co factor condicionante da case anecdótica presenza física permitida nas gradas no 2021 polo covid-19.
Movéndonos xa na zona dos intanxibles. «Estamos moi satisfeitos pola resposta da xente e porque os equipos quedaron encantados; ata os árbitros, que desta volta viñeron de Madrid», comenta Iván Villar. A confirmación, outro ano máis, da capacidade do equipo de traballo do EncestaRías de replicar durante 24 horas un ecosistema ACB xunto co seu canon de calidade.
Valencia, Mónaco e os dous galegos ACB, o cartel que puido ser
Durante a presentación do torneo o día 6, Diego Doval desvelou que tiñan amarrado o Mónaco, conxunto da Euroliga, para os días 16 e 17, pero que a decisión da Federación Galega de Baloncesto de fixar neses días a Copa Galicia tirou por terra a participación do conxunto monegasco —tamén a do Breogán—. Xunto a el, confirmou onte Villar, tería vido tamén o Valencia Básket.
Susto coas luces a unha hora do inicio e pavillón no aire no 2023
Iván Villar recoñece que, máis aló do FC Barcelona e do Real Madrid, un dos desexos da organización do Torneo EncestaRías é poder contar co Valencia, que a piques estivo de vir este ano. Ademais, o codirector manifestou: «Para o ano que vén imos tentar pechar con máis tempo equipos da máxima categoría posible, cun equipo estranxeiro, que nos dá un punto máis».
Poder seguir medrando cualitativamente a través do cartel pasa tamén por non ter que xogar con lume coma o pasado venres. «Este ano pasámolo moi mal», conta Villar: «Unha hora antes do inicio do primeiro partido, cando chegaron os equipos a quecer, apagáronse dúas filas de focos. Os conserxes da instalación actuaron de marabilla, rapidamente».
Por fortuna, a cousa quedou nun susto. Pero o suceso relatado non fai máis ca subliñar a urxencia da reforma integral do pavillón que nas vindeiras datas acometerá o Concello coa axuda da Secretaría Xeral para o Deporte.
Así as cousas, no torneo sinalan que «ten mérito que cunhas instalacións así sigan acudindo equipos deste nivel». Un problema que deberá quedar resolto unha vez completada a reforma integral, cuxo calado fai dubidar no EncestaRías de se a súa oitava edición se poderá disputar en Fontecarmoa ou tocará xogala en Fexdega.