Luisito advirte que equipos modestos coma este son os que fan gañar ou perder ligas
17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Arousa encara esta noite, desde as 20.30 horas fronte á UD Paiosaco-Hierros, o seu primeiro partido no campo municipal da Lomba desde o seu regreso exprés á Terceira Federación. Faino co ánimo reforzado logo do seu triunfo, pola mínima con gol de Sylla, no campo dun rival directo como o C.D. Barco na xornada de apertura da competición, o domingo pasado. Pero tamén co seu adestrador, Luisito, poñendo en alerta máxima os seus futbolistas.
«Se gañas no Barco e pensas que o Paiosaco vai ser máis doado, xa é o primeiro erro que cometes. Xa estás empezando a perder 0-1, e ese erro non o podemos permitir», declaraba onte o técnico do Arousa nada máis rematar o último adestramento semanal de cara ao segundo compromiso ligueiro da temporada.
Luisito acompaña o seu comentario co seguinte argumento, tantas veces demostrado con feitos ao longo da historia do fútbol: «Os equipos que teñen menos nome son os que che van complicar realmente a vida e permitir gañar ou perder unha Liga. Contra estes é contra os que non podes fallar». Ademais, o preparador arlequinado manifestou que o Paiosaco «ten un mérito tremendo, un mérito tremendo. Eu a este tipo de equipos admíroos e téñolles un respecto enorme».
O gran partido contra o Celta
Luisito asegurou que o seu once hoxe estará condicionado pola última proba que lles faga hoxe aos varios efectivos que ten tocados, con Brais Pedreira coma única baixa confirmada. O adestrador do Arousa si adiantou que desta volta non convocou a ningún xuvenil do club. E iso para que: «O domingo poidan xogar todos contra o Celta, que vai ser un partido bonito». Os de Perú recibirán o cadro celeste ás 12 na segunda xornada da División de Honra Xuvenil.