Cambados acolle o 9 de outubro unha gala lírica con Montserrat Martí Caballé

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Alejandro García | EFE

 Actuará xunto ao barítono Luis Santana e o pianista Victor Carbajo. As entradas custan 7,50 euros

24 sep 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

O público cambadés poderá gozar o vindeiro domingo 9 de outubro dun concerto de primeiro nivel operístico a cargo da soprano Montserrat Martí Caballé, filla da lendaria Montserrat Caballé, o barítono Luis Santana e o pianista Victor Carbajo.  O concerto terá lugar no auditorio municipal da Xuventude ás 19 horas e durará arredor dunha hora e media. As entradas poderán adquirirse a vindeira semana de maneira anticipada en Ataquilla.com a un prezo de 7,50 euros

O repertorio é amplo e variado. Poderán escoitarse as famosas arias de ópera como O mio babbino caro de Puccini ou o Largo al factotum do Barbeiro de Sevilla de Rossini, así como obras de cámara de Donizetti ou do propio Rossini, sen esquecer a canción de concerto española con Obradors, Manuel de Falla ou o mesmoVictor Carbajo.

A zarzuela tamén xogará un importante papel neste recital lírico, no que se poderán escoitar pezas de Moreno Torroba, Gimenez, Serrano ou Barbieri.

Cano y Serrat también

O máis orixinal deste concerto é que, ademais destas obras tradicionais, se incorporan ao programa temas tan populares como Hijo de la luna de José María Cano ou La Saeta de Joan Manuel Serrat. Tamén o mítico Vangelis terá o seu espazo, pois a soprano Montserrat Martí e o barítono Luis Santana cantarán xuntos A plegaria do mundo dedicada á gran Montserrat Caballé.

Esta gala abre o cartel de actividades do outono no auditorio municipal, logo dun vran marcado polos concertos ao aire libre.