As de Costas foron unha sombra de si mesmas e cáense do grupo cabeceiro
18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Catro veces se enfrontaran o Asmubal Meaño e o Sieiro Deportivo con anterioridade na División de Honra Prata Feminina, con tres vitorias e unha derrota para o conxunto galego. O pasado sábado, en terras asturianas, o balance comezou a nivelarse, cun triunfo por 32-28 do equipo local que descabalga as de Juan Costas do grupo de cabeza no Grupo A, caendo tres postos ata a sétima praza, que esta semana ocupa con 6 puntos de 10 posibles. Dous por debaixo do líder en solitario, o Hand Vall Valladolid, e outros tantos por enriba do decimo segundo e antepenúltimo clasificado, o propio Sieiro.
A análise do partido resulta desta volta excesivamente sinxela. O Asmubal Meaño caeu vítima de si mesmo, sendo unha sombra dese colectivo de férrea defensa en 6-0 que atrás compensa, na maioría das veces con creces no que vai de temporada, as súas maiores carencias en labores de ataque.
E así foi como o cadro asturiano comezou dominando no electrónico os dez primeiros minutos de partido, 5-3. Os dez seguintes fixeron pensar que o Asmubal podía ter algo que dicir en Pola de Siero, poñéndose por diante e mesmo chegando a dispoñer dun par de goles de vantaxe mediado o primeiro tempo (7-9). Pero nada máis lonxe da realidade.
Tras manter vivo o encontro ata o descanso, con 13-12 no marcador, o Asmubal viu como o Sieiro se lle ía de catro aos dez minutos da reanudación. As de Costas conseguiron apertar de novo o choque e mesmo empatar por dúas veces, a última, a dez minutos da conclusión. Pero o Asmubal non foi quen de probarse superior ante un Siero comandado pola súa central, Alba Alonso, que campou ás súas anchas ante a portería meañesa para acabar asinando once tantos, na súa inmensa maioría, a partir de penetracións. Os goles da central Eli Méndez (9) e da pivote Cárol Ferreira (7) non foron o sábado suficientes para compensar a pésima defensa do Asmubal Meaño.
Siero Deportivo: Ana Rodríguez, Garabaya (1), Inés González (3), Alba Alonso (11), Baizán (6), Lorena (3) e Laura Pérez (1) —septeto titular—; Parajón (2), Luna (1), Montero, Raquel, Gutiérrez, Aida Rodríguez (2), Calvo (2), María Alonso e Aida Fernández.
Asmubal Meaño: Lucía, María Currás, Arangio (2), Eli Méndez (9), Ballada (1), Cárol Ferreira (7) e Sabela Miniño (2) —septeto titular—; Lorena, Andrea Cores (2), Samar, Laura Miniño (4), Paula (1) e Vanesa Domínguez.
MARCADOR CADA 5 MINUTOS: 3-1, 5-3, 6-7, 9-10, 12-11, 13-12 (descanso); 15-13, 20-16, 22-21, 24-23, 28-26 e 32-28 (final).
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Costas e Allica. Castigaron con 2 minutos as locais Parajón e Paloma e as visitantes Ballada e Arangio. Descualificaron a Andrea Cores (min 59.56).