O vilagarcián Pedro Torrado gaña a praza española no C1 1.000 do Mundial Xuvenil
AROUSA
O padexeiro do As Torres-Romaría Vikinga xa conseguira en marzo a do C1 5.000
15 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A canoa arousá ten futuro internacional. Esta é a impresión que queda tras a conclusión dos tres días dos Trials Olímpicos, destinados pola Real Federación Española de Piragüismo principalmente a confeccionar o seu equipo na Copa do Mundo de Szeged do 10 ao 12 de maio iniciando a carreira polos billetes aos Xogos Olímpicos de París, pero tamén ao peneirado de varias embarcacións nas grandes citas internacionais júnior e sub 23 deste ano. Onte, na derradeira xornada do selectivo nacional no encoro asturiano de Trasona, o vilagarcián Pedro Torrado Mollinedo facíase coa praza do olímpico C1 1.000 no Mundial Júnior de xullo en Auronzo (Italia).
O padexeiro do As Torres-Romaría Vikinga de Catoira non só gañou a final directa polo posto, a máis concurrida, ata o punto de ter que habilitar unha décima rúa para dar cabida a todos os inscritos. O arousán exhibíu un dominio brutal sobre os seus rivais, unha vez deixou atrás a Daniel Ros (Escuela Piragüismo Aranjuez) tras un duelo que non superou os 400 metros de duración impoñéndose á par ao forte vento lateral que tanto castiga a moitos canoístas en Trasona cando sopra como o fixo onte.
Catro minutos, 43 segundos e 492 milésimas lle levou a Pedro Torrado completar o quilómetro. Por detrás, a uns tres barcos de diferenza, Ros entraba segundo en 4.48,699, ou o que é o mesmo, 5,2 segundos máis tarde co gañador.
Con este resultado, Pedro Torrado asegúrase as dúas primeiras prazas internacionais en xogo na canoa júnior española, logo de conquistar hai un mes no Campionato de España de Inverno de Sevilla o billete no C1 5.000 para o Mundial de Auronzo.
Manuel Fontán en Szeged
A actuación onte do padexeiro do As Torres-Romaría Vikinga redondeou a participación arousá en Trasona, que encabezaron Teresa Portela e o seu primeiro posto no K4 500, e o vilanovés do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán, que o mércores se facía nos Trails Olímpicos xunto ao cangués do Rodeira Pablo Graña coa segunda praza española no C2 1.000 na Copa do Mundo de Szeged, só por detrás do dúo sevillano formado por Tano García e Pablo Martínez, diploma olímpico en Toquio. A meca do E.P. Poio Valeria Oliveira rematou terceira no selectivo do C2 500 e quinta no do C1 200. David Barreiro, cangués do Breogán, disputará a Copa coma segundo na final do C1 1.000.
Máis postos en xogo esta fin de semana
Os Trails Olímpicos disputados entre o mércores e o venres no encoro asturiano de Trasona dan paso hoxe ás dúas xornadas da primeira Copa de España de Esprint da temporada. Máis aló dos puntos en xogo para as clasificacións por clubs da Liga Nacional da modalidade de augas tranquilas, a cita engade o atractivo de servir de peneira dos barcos de distancias non olímpicas cos que o equipo español acudirá aos Xogos Europeos deste ano, na cidade polaca de Cracovia do 21 ao 24 de xuño. As bases establecidas pola dirección técnica da Real Federación Española de Piragüismo son claras, concedéndolles cadansúa praza na cita continental do comezo do verán aos gañadores esta fin de semana das finais do K1 200 e 500 e do C1 200 e 500 masculinos, e do K1 200 e do C1 500 femininos, formando un K2 200 e un C2 200 mixtos cos clasificados se o horario dos Xogos Europeos fai compatible a disputa polas dúas medallas dos seus integrantes, a da súa embarcación clasificada e a da mixta. Hoxe coñeceránse os nomes dos ocupantes das tres piraguas que competirán nas probas do medio quilómetro en Cracovia, quedando as finais dos 200 metros para o domingo.