30.000 pousavasos do Castro Alobre para normalizar o uso do galego na hostalaría

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os autores dos deseños, alumnos do centro, distribuirán as pezas entre medio cento de bares, cafeterías e restaurantes

24 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa oito anos que o Concello de Vilagarcía e o departamento de Normalización Lingüística do instituto Castro Alobre traballan en accións que fomenten o emprego do galego nos eidos cotiás da rúa. A hostalaría, a praza e o pequeno comercio foron varios dos ámbitos nos que afondaron. Desta volta, o que o equipo de Pepe Torres pediu aos alumnos do centro foi que deseñasen pousavasos para distribuír entre bares, cafeterías e restaurantes da capital arousá.

O resultado foi espectacular, cunha masiva participación á que non foron alleos os estudantes de segundo curso de bacharelato, malia a obvia carga que soportaron, coas probas da ABAU no horizonte. Finalmente, escolléronse catorce deses deseños: doce para ilustrar os pousavasos en si, e dous mais para configurar carteis promocionais.

Mariola Rodríguez, a directora do Castro, quixo agradecer a implicación do profesorado, do persoal non docente e, por suposto, do alumnado. Tamén a cooperación do Concello, representado por Sonia Outón, que fai posible que a semana que vén os rapaces repartan trinta mil destes grandes pousavasos entre a hostalaría.