A Liga Galega de Traiñeiras volve a Vilagarcía dous anos despois

Hugo Portela, P.P.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Hugo Portela

A regata dispútase a partir das 18 horas no Porto de Vilaxoán

29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Club de Remo Vilaxoán, Gelo Tarrío, e o novo concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira, presentaron este venres no consistorio a volta da Liga Galega de Traiñeiras á cidade arousá. A Bandeira Concello de Vilagarcía servirá de décimo primeira proba do calendario da LGT-A.

Tarrío, acompañado do director deportivo da Fundación de Deportes, Juanmi Doval, e do directivo do CR Vilaxoán Melchor Gago, informou de que a proba dará comezo o sábado ás 18 horas e que, se ben o club vilaxoanés non participará na mesma, por non dispoñer desde o ano pasado de traíña, vai recuperando a actividade pouco a pouco tras o parón do 2022 pola demora das obras de renovación da sede da entidade vilaxoanesa.

O presidente do CR Vilaxoán declarou que a Bandeira Concello de Vilagarcía: «É unha das mellores regatas que hai, debemos agradecerlle ao Concello por recuperar un evento deste nivel para Vilagarcía». Desde o club tamén aproveitaron para lembrar que hai moitos remeiros vilaxoaneses nesta liga e mesmo en ligas superiores, pero tamén admiten que o club non pode competir na proba pola inactividade dos últimos anos e a falta de remeiros.

Mentres que o club se fai cargo do traballo de loxística, o Concello asume o capítulo económico da regata, xa que a proba repartirá un total de 7.000 euros en premios. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes aproveitou para darlle as grazas ao CR Vilaxoán polo esforzo de organizar este evento.