O goberno de Catoira subirá os impostos municipais ante a ameaza do Ministerio de Hacienda de intervir o Concello

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

Pablo Penedo

A Administración local recadará 236.000 euros máis entre os seus veciños para afrontar a bancarrota na que, di o alcalde, a deixou o socialista Alberto García

25 oct 2023 . Actualizado a las 17:55 h.

«O Concello acumula unha débeda histórica, que no 2022 medrou en case 800.000 euros. A situación que deixou o anterior goberno local do PSOE e PP con Alberto García á cabeza é insostible». Con estas palabras comezou este mércores o alcalde de Catoira, Xan Castaño (BNG), a rolda de prensa que o seu executivo convocou para informar da grave situación económica das arcas municipais e a pesada consecuencia sobre as economías familiares dos seus 3.295 veciños. Porque tras debuxar un escenario de «bancarrota», con 5,7 millóns de euros de débeda «a día de hoxe» nun concello con 2,3 millóns de euros de orzamento anual, Castaño anunciou a aprobación o vindeiro luns no pleno da corporación dunha elevada subida dos impostos e das taxas municipais que o vindeiro ano deberán pagar os veciños da localidade vikinga, destinada a recadar 236.000 euros máis no 2024 dos ingresados por esta vía no presente exercicio. A alternativa, explicou o rexedor, é a intervención do Concello de Catoira por parte do Ministerio de Hacienda.

A Administración local vén de recibir un escrito de Madrid no que se «insta al Ayuntamiento a la presentación de medidas que puedan permitir la corrección» dos sucesivos incumprimentos por parte do goberno local anterior, encabezado por Alberto García, dos axustes en materia de gastos aos que se comprometera no 2021 e no 2022. Trátase de medidas ligadas ao plan que lle permitiu a Catoira dispoñer dunha ampliación en dez anos do período de amortización dos préstamos que recibira do Fondo para la financiación de los pagos a proveedores e do Fondo de financiación a entidades locales. Chegados a este punto: «Ou tomamos medidas para resolver o problema ou péchannos o Concello», afirma Xan Castaño, que aclara que, de acabar intervindo, o Ministerio de Hacienda «só nos permitiría pagar as nóminas dos traballadores municipais e os servizos básicos. Mesmo ameazan con revogar o prazo de amortización da débeda que o Concello ten co Estado», cifrada en 4,5 dos 5,7 millóns totais, correspondendo o 1,2 restante a facturas.

Con todo o anterior e sendo que «a situación inda pode ser máis negra, porque non todas as facturas ao Concello están contabilizadas inda», sinala o alcalde nacionalista, o goberno local saído das urnas o pasado mes de maio levará o vindeiro luns ao pleno da corporación a subida do groso dos impostos e taxas no 2024: o IBI —contribución— pasará dun coeficiente do 0,5 ao 0,6, incremento que no caso dos vehículos de tracción mecánica de 1,2 ao 1,5; o pago da taxa de recollida de lixo doméstico elevaráse dos 44,47 aos 53,36 euros ao semestre e a de auga, sumidoiros e depuración dos 51,62 aos 59,68. Deste xeito, o executivo municipal calcula sumar 236.478,52 euros á recadación das figuras fiscais da súa competencia, elevando deste xeito os ingresos por esta vía do 1.143.317,75 euros do último orzamento a 1.379.796,27, un 20,7 % máis. Pero para poder embridar a débeda brutal herdada, o goberno de Xan Castaño irá moito máis aló, cun plan integral de saneamento económico.

Así, o rexedor do BNG anunciou a redución da compensación aos concelleiros pola asistencia aos plenos e a outros órganos e «tamén a redución do soldo do alcalde», sen cifrar a contía, a rebaixa dos gastos do Concello, coa única excepción dos referidos ao capítulo social, «facendo fincapé na eficiencia enerxética dos edificios municipais», e a revisión de concesións, estudándose despois a procura dunha nova reestruturación da débeda, única medida esta que, sostén o goberno local, adoptou o executivo de Alberto García. Castaño acusa ao socialista de ter dado «unha patada cara adiante en vez de resolver o problema», que o actual responsable do bastón de mando vikingo atribúe a «obras faraónicas e innecesarias, como a do consistorio e a Casa das Artes, nalgúns casos dun mantemento inasumible e que non redundan no beneficio dos veciños».

«Sanear a economía do Concello é un reto tan duro como inaprazable», di Castaño, coa lousa de saída dos 30.700 euros que o Estado lle retén cada mes a Catoira desde xullo como parte do acordo do 2019 para a amortización da débeda municipal con Hacienda.