Luisito Míguez: «O resultado é xusto. Fóra da casa é o peor partido que levamos feito»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O adestrador do Arousa só se queixou da expulsión de Iñaki

26 nov 2023 . Actualizado a las 12:29 h.

«Sinceramente, creo que o resultado é xusto. Non merecemos gañar. Fóra da casa é o peor partido que levamos feito». Luisito Míguez non puxo nin un pero ao 0-0 final ante o Pontevedra B, toda vez que, recoñeceu, só contabilizou o disparo de Iñaki no minuto 66 desviado polo porteiro local como ocasión digna de mención. A partir de aí, o técnico do Arousa amosouse descolocado coa actuación dos seus homes: «Estivemos mal co balón. O motivo non o sei, porque viñamos de facer un partidazo contra o Bergantiños e tiñamos un campo inmaculado para xogar. Variamos tres veces o sistema e fixemos trocos pronto. Non entendo por que se estivo tan atascado en ataque». Luisito estende a pésima tarde do seu cadro de xogadores á totalidade dos que xogaron porque, di, «non é que estiveran só atascados os puntas, estívoo todo o equipo».

«Indignado» co árbitro

Preguntado pola expulsión de Iñaki e a acción que deu pé a ela, Luisito é contundente: Houbo unha agresión, de Jar a Pereira, que viu todo o estadio menos el —o colexiado—». O árbitro equivocouse estrepitosamente. O liña estaba en carreira e non o viu, creo que esa é máis xogada de árbitro; tivo que ver a agresión, tivo que vela. Por iso estou indignado». Dito isto, o adestrador do Arousa engade que «o árbitro é humano coma min e unhas veces acerta e outras non».