Das descualificacións «ad hominen»

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

A clase política non entende nada, parece somerxida no modelo dos faladoiros do corazón da televisión

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meus tempos de universitario eran de reivindicacións diante de institucións anquilosadas que non se adaptaban ás necesidades reais naquela atmosfera de ansias de modernización da xeración do postfranquismo. Nese ambiente, entre outros, tivemos un pequeno conflito cun profesor de Dereito Administrativo ao que lle pediamos que propuxese casos prácticos para o estudio da súa disciplina. Non houbo maneira. É posible que don José María De Frutos Isabel, ese meu vello profesor, avogado temible, de lectura diaria do BOE, —que xa hai que estragar niso paciencia, constancia e perseveranza—, tivese moita razón. A realidade supera sempre á ficción: iso foi o que nos dixo cando unha delegación de estudantes nos achegamos a falar con el. Argumentou que non tiña sentido elaborar casos prácticos porque o Dereito Administrativo era tan amplo, tan diverso, tan inabarcable que deberiamos saber a teoría para adaptala ás diversas situacións. Insistiu en que por moita imaxinación que el despregase na redacción dun suposto, a realidade sempre sería máis variada e inesperada; e que para os casos do pasado ben podiamos acudir aos repertorios de xurisprudencia. Non houbo maneira de que accedese ás nosas pretensións.

A día de hoxe non podo dicir se tiña ou non razón, porque non sei de Pedagoxía e porque é verdade que a realidade excede infinitamente da imaxinación, para ben e para mal. Se acudimos á Literatura toparemos obras de ficción que quixeron adiviñar os tempos nos que andamos. Ninguén atinou completamente porque ningún autor dou en pensar que o futuro ía ser un mundo tan desigual no que, con recursos que exceden dos necesarios, hai millóns de persoas a pasar fame; ninguén adiviñou que a actual sociedade ía estar conformada por unha especie de escravitude universal crendo ser libre, cando só resulta unha ferramenta económica ao servizo de grandes capitais; ningún autor presentiu a realidade da guerra —quizá a guerra perpetua en 1984 de Orwell—, estendida polo mundo adiante sen utilidade algunha; nin un só escritor foi capaz de describir como e por que é preciso darlle ganancias á industria do armamento; nin un só dou en novelar como é posible que universalmente se crea que existe unha diferenza primitiva, simple, desenfocada, entre bos e malos, sen que ninguén inquira se iso é así nin pregunte nada, por andarmos todos enleados e absorbidos para manter un nivel de vida.

A clase política dá arrepío

O caso é que, ademais, agora ocorre —democraticamente non pode ser doutro xeito— que esa realidade ten que ser moldeada, deseñada, imaxinada polos políticos. Como debe ser. Pero a sorpresa é que a clase política é vergonzosa vista desde as súas manifestacións públicas. Dá arrepío. Non entende nada, parece somerxida no modelo dos faladoiros do corazón da televisión, onde os asistentes opinan de todo cunha perspectiva prosaica e expresan a berros verdades de arrieiro. A actualidade política, incluso a parlamentaria, segue ese esquema: non hai propostas en positivo dos grupos de oposición; as iniciativas dos gobernos son de fintas curtas, de salvar o escollo e tirar para diante; non hai estratexias de futuro. E todo aderezado con ataques ad hominen: insultos permanentes, descualificacións persoais, que non levan a ningures. As diatribas ad hominem non son nada, non se poden discutir —só lles queda o estúpido ‘‘E ti máis''—, non conteñen propostas de futuro, non son razoamentos. Insultar e desprezar non vale para nada.

Para calquera, a política é a nobre arte de querer gobernar. Iso non ten que ver coas permanentes descualificacións. Nin, por suposto, con substituír as funcións da Xustiza, á que hai que deixar traballar sen interferencias. Tiña razón o profesor: a realidade supera á imaxinación. Neste caso para mal.